Barreiros presenta unha queixa ante Telefónica por non reparar unha avaría

AMariñaXa
Barreiros vén de dirixirse a Telefónica, trasladando unha queixa formal pola falta de atención ás incidencias notificadas desde o Concello.
25 Feb 2021

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixirse á empresa titular das liñas de telefonía no municipio, Telefónica, trasladando unha queixa formal pola falta de atención ás incidencias notificadas desde o Concello.

Segundo indica na denuncia, con motivo do temporal do sábado caeu un poste telefónico e veuse abaixo parte do cableado, situación que afectou á liña telefónica ao mesmo tempo que causaba problemas na seguridade e no tráfico rodado pola estrada afectada, concretamente no barrio de O Outeiro. Tras este incidente déronse varios avisos sucesivos debido á falta de atención por parte da compañía.

Debido á falla de dilixencia nas actuacións necesarias, a circulación dos autobuses escolares viuse interrumpida malia as diferentes demandas para que fose solventado este problema.

Na queixa formal interposta polo Concello solicítase atención inmediata das incidencias, a emisión dun informe sobre a responsabilidade na falla de atención e un informe sobre postes e cableados existentes e o seu estado.

No escrito, a alcaldesa manifesta que o consistorio se reserva o dereito de actuar na defensa do interese público e xeral coas accións que considere oportunas contra a compañía para indemnizar danos ou molestias.

Ana Ermida entende que non é admisible a tardanza en solucionar unha avaría como esa, así como tampouco que a empresa manteña as infraestruturas nunha situación tan mala en xeral.

0.095571994781494