Barreiros presenta o programa do Entroido 2025 con actividades para todas as idades

O Concello de Barreiros, a través da súa Concellería de Dinamización, deu a coñecer este xoves a programación do Entroido 2025, que chega cargada de actividades para toda a familia, buscando combinar diversión, participación e a tradición do Entroido barreirense.
As festividades comezarán o domingo 2 de marzo cunha Festa Infantil de Entroido no centro sociocultural de San Cosme, que se celebrará entre as 17 e as 20 horas. A cativada poderá gozar dunha tarde chea de cor e fantasía, con animación musical, xogos, baile e agasallos para aqueles que acudan disfrazados. O espazo estará decorado especialmente polo obradoiro de emprego, creando unha ambientación única para os pequenos e pequenas.
O mércores 5 de marzo, o Concello organizará un Obradoiro Infantil de Disfraces, pensado para facilitar a conciliación familiar durante os días non lectivos. A actividade terá lugar no centro sociocultural de 10:00 a 13:00 horas e contará con 40 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición, priorizando ás crianzas empadroadas no municipio. Durante o obradoiro, os participantes poderán dar renda solta á súa creatividade, creando os seus propios disfraces con diferentes materiais e técnicas.
O venres 7 de marzo terá lugar o Gran Desfile de Entroido, que repartirá 1.000 euros en premios, e que se converterá no colofón das festividades. O desfile, que sairá ás 21:00 horas desde a Praza do Concello, percorrerá a N-634, baixará pola estrada da praia (teleclub) e rematará xunto ao centro sociocultural. A ruta contará cunha mellora na iluminación e puntos de exhibición para que o público poida gozar de todo o esplendor do evento. Tras o desfile, a Praza do Concello acollerá unha festa con Even-Tec e postos de comida.
Dani García, concelleiro de Dinamización, destacou o traballo que hai detrás desta programación, subliñando a aposta do Concello por manter vivo o Entroido en Barreiros: “Queremos ofrecer unha programación para todos os públicos. A festa infantil e o obradoiro de disfraces están pensados para as familias, mentres que o Gran Desfile xa se consolidou como unha cita imprescindible no noso calendario festivo”.
García tamén quixo agradecer a implicación das comparsas locais, Habelas Hainas e Macanudos, na organización do desfile: “O seu apoio é fundamental para que cada ano a festa sexa máis especial”.
Toda a información e os documentos de inscrición estarán dispoñibles na web municipal a partir do venres 21 de febreiro.