Barreiros presenta alternativas para a depuración en San Miguel e Reinante

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, desprazáronse a Augas de Galicia para presentarlle á directora xeral do organismo unha proposta de depuración alternativa para as depuradoras de San Miguel e Reinante.
17 Jul 2020

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, desprazáronse a Augas de Galicia para presentarlle á directora xeral do organismo unha proposta de depuración alternativa para as depuradoras de San Miguel e Reinante.

Ratoeira explicou que na reunión coa directora xeral presentaron “un proxecto alternativo de depuración mediante humedais artificiais aireados que, ademais de ser máis sostible, é máis económica tanta a súa posta en marcha como o seu mantemento.”

O goberno municipal barreirense deu a coñecer a idea que se lles presentou a efectos de que o organismo competente, Augas de Galicia, dea o visto bo e valore tecnicamente a adecuación do mesmo ás necesidades de Barreiros, para asegurar que se se pon en marcha vai ser con éxito.

A alcaldesa explicou que o goberno municipal leva un ano traballando en solucionar os problemas de depuración existentes no concello, xa que ademais do custo económico que supoñen, crean graves problemas ambientais, de imaxe e mesmo de saúde pública. “Para nós é unha prioridade contar con depuradoras que funcionen adecuadas á necesidade e levamos traballando sen descanso desde o inicio do mandato, aínda que as cousas van máis lentas do que nos gustaría.”

Ana Ermida sinala que “o elevado custo da construción dunha nova estación depuradora, tal e como proxectou Augas de Galicia, fixo que o goberno municipal buscase alternativas viables ao mesmo tempo que buscamos o finanzamento para o proxecto da depuradora; tentando axilizar o máximo posible a solución.”

Os sistemas de depuración mediante humedais artificiais aireados téñense posto en funcionamento con éxito noutros lugares tanto para augas residuais domésticas como industriais “e cremos que pode dar cobertura suficiente ás necesidades de Barreiros, pero é fundamental contar coa aprobación e a coordinación de Augas de Galicia, xa que é o organismo que en última instancia aprobará as instalacións.”

De poder levar a cabo este proxecto os custos do mesmo poderían reducirse en máis dun terzo, de xeito que “a consecución dos cartos suficientes para o finanzamento e a implicación das distintas administracións podería ser máis doada”, manifestou a alcaldesa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17653894424438