Barreiros presenta a programación teatral do último trimestre do ano

AMariñaXa
O Concello organiza seis funcións en outubro, novembro e decembro con compañías galegas e entrada de balde
Arte-Hipocrita-Teatro
2 Oct 2025

O Concello de Barreiros deu a coñecer a súa programación teatral para o último trimestre de 2025, unha proposta cultural que encherá de vida os escenarios locais durante os meses de outubro, novembro e decembro. As representacións, organizadas coa colaboración da Deputación de Lugo, terán lugar tanto no Centro Social de San Cosme como nos Colexios Vellos de San Miguel e serán de acceso gratuíto.

A primeira cita será o domingo 19 de outubro co grupo Alentía Teatro, que levará ao Centro Social San Cosme a obra “Maleta aberta”. Uns días despois, o sábado 25 de outubro, Os Quinquilláns representarán “Cousas” nos Colexios Vellos de San Miguel.

Xa en novembro, o domingo día 2, Avelaíña Teatro subirá ao escenario de San Cosme con “A Lola”. O relevo tomarao Bátega Teatro o sábado 8, presentando “O pano” en San Miguel. A programación deste mes complétase o sábado 22 con Tarabela Creativa e a súa proposta “Vaites rapariga!”, de novo no Centro Social San Cosme.

O calendario cultural pecharase en decembro con dúas funcións máis. O domingo 14 será a quenda de Lume Escénico, que presentará “Activ@s” no Centro Social San Cosme. Finalmente, o sábado 20 de decembro Isabel Risco actuará nos Colexios Vellos de San Miguel coa obra “Nabiza Girl”, poñendo o broche de ouro á programación deste trimestre.

Desde o Concello subliñan que esta iniciativa busca achegar o teatro a todas as idades, apoiar ás compañías galegas e fomentar a participación veciñal. “Queremos que Barreiros sexa un referente cultural, cunha oferta variada e de calidade”, sinalan desde a área de Cultura.

⚙ Configurar cookies
0.09964394569397