Barreiros prepárase para recibir a primavera cun animado mercado o 18 de maio

AMariñaXa
A Praza do Concello converterase nun espazo de encontro con postos de venda, obradoiros, música en directo e produtos de proximidade
Barreiros-mercadino-primavera
5 May 2025

O vindeiro 18 de maio, Barreiros acollerá unha nova edición do seu tradicional mercado de primavera, unha cita xa consolidada no calendario local que transforma a Praza do Concello nun espazo cheo de vida, cor e actividade.

Durante toda a xornada, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha completa oferta de postos de venda artesanais e gastronómicos, con produtos locais e de proximidade, así como de obradoiros creativos, actuacións musicais en directo e degustacións que farán as delicias de todos os públicos.

A iniciativa conta coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que aposta por dinamizar o tecido económico e social do rural mediante o apoio a estes encontros que, edición tras edición, logran unha ampla participación e unha notable acollida.

Desde o Concello destacan que este tipo de eventos non só contribúen a poñer en valor os produtos do territorio, senón tamén a fomentar o comercio de proximidade, o turismo e a convivencia veciñal.

Nos vindeiros días, o goberno local irá revelando o programa completo da xornada, mais xa advirten que será unha festa para todos os sentidos e animan a marcar o 18 de maio nas axendas, porque a primavera celebrarase en Barreiros con moito máis que flores.

⚙ Configurar cookies
0.18039202690125