Barreiros prepárase para acoller a VII Concentración de Retroclásicos este sábado

A vila de Barreiros acollerá este sábado, 23 de agosto, a sétima edición da Concentración de Retroclásicos, unha cita que cada ano reúne a numerosas persoas amantes dos vehículos históricos. O escenario será o aparcadoiro da praia de Coto, convertido por un día en escaparate para coches e motos con décadas de historia.
No acto de presentación, no que participaron a alcaldesa, Ana Ermida, a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, o concelleiro de Dinamización, Dani García, e integrantes da asociación Retroclásicos de Barreiros, subliñouse o valor desta cita para o municipio. Ermida destacou que “é fundamental apoiar iniciativas coma esta, que ademais de ofrecer unha opción de lecer á veciñanza e ás persoas que nos visitan, tamén contribúen a impulsar a actividade local e a poñer en valor o noso concello”.
O programa dará comezo ás 10:00 horas coa recepción das persoas participantes e a exposición dos vehículos, aberta ao público para que quen o desexe poida contemplar estas auténticas xoias sobre rodas. A continuación, celebrarase unha comida de confraternidade no restaurante La Yenka e, xa pola tarde, levarase a cabo unha ruta turística polo litoral de Barreiros. A xornada pecharase ás 19:00 horas coa entrega de trofeos.
A organización lembra que o prazo de inscrición estará aberto ata o xoves, 21 de agosto, ás 23:00 horas. As persoas interesadas en participar poden anotarse chamando ao teléfono 697 356 090 (Pedro).
A VII Concentración de Retroclásicos de Barreiros conta coa colaboración do Concello e da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.