Barreiros pecha o orzamento de 2020 cunha melloría dun millón de euros

AMariñaXa
O Concello de Barreiros vén de aprobar aliquidación do orzamento do 2020 na que se amosa unha clara tendencia de recuperación económica.
concello barreiros
13 Feb 2021

O Concello de Barreiros vén de aprobar a liquidación do orzamento do 2020 na que se amosa unha clara tendencia de recuperación económica “froito do control nos gastos realizados e do rigor co que se traballa a nivel económico”, explica a alcaldesa barreirense. O resultado do exercicio no relativo á estabilidade orzamentaria, que levaba varios exercicios en negativo, pasou de ser -453.064,66€ no ano 2019 a amosar no exercicio 2020 un resultado positivo de 517.247,12€; o que supón unha melloría de preto dun millón de euros.

O resultado da liquidación do exercicio 2020 amosa tamén unha maior axilidade nos pagos por parte do Concello de Barreiros, pasando de 83 días no 2019 a 48, no 2020. “Este indicador é moi importante porque afecta directamente ás empresas e persoas autónomas que traballan para o Concello, axilizando e normalizando os pagos da administración local e xerando unha confianza que axuda a dinamizar a economía local, xa que a realidade dos pagos con carácter xeral é mellor que a media”, explica a alcaldesa. “En calquera caso, aclara, a intención deste goberno é realizar todos os pagos dentro do prazo estipulado dos 30 días e trataremos de seguir traballando para axustar esa cifra”.

No relativo á capacidade de financiación do Concello, os resultados obtidos permiten que no caso de precisar concertar operacións de crédito a longo prazo, non sexa necesaria a autorización autonómica, como era ata este momento derivado da situación económica.

O informe emitido por secretaría-intervención sinala que “as magnitudes orzamentarias melloraron considerablemente” e, aínda que dúas delas permanecen en signo negativo, logrouse o cumprimento de todas as demais regras orzamentarias.

A alcaldesa sinala que “o traballo realizado no ano 2020, no que se xestionou o orzamento na súa totalidade -xa que o orzamento do 2019 estaba practicamente executado no momento da chegada do novo goberno municipal-, especialmente no relativo ao rigor e control dos gastos permite hoxe albiscar unha situación un chisco máis positiva”.

A rexedora non oculta que “a situación económica de Barreiros dista aínda moito de ser de alivio, xa que se arrastran gastos que haberá que afrontar e poden darse situacións delicadas que poderían ter un forte impacto nas arcas municipais; mais o que vén a amosar é que o esforzo colectivo realizado neste ano permite encamiñar a situación para poder afrontar investimentos moi necesarios no medio prazo e non comprometer a economía municipal”.

Ermida amósase tamén satisfeita de que ese control de gasto evitara ata este momento ter que incrementar a carga impositiva na veciñanza, que tería asumido directamente a situación económica previa.

A alcaldesa sinala que, tal e como recolle o informe de secretaría-intervención, “deberemos seguir nesta senda de control do gasto e mantemento dos ingresos para que a situación do Concello non sexa tan axustada e permita facer fronte a posibles imprevistos na administración local.”

0.18862414360046