Barreiros pecha 2024 con superávit e reduce a débeda ao 10 %, tras anos de indicadores negativos

AMariñaXa
A alcaldesa, Ana Ermida, expresou a súa satisfacción polos resultados acadados e destacou o traballo rigoroso desenvolvido durante os últimos anos
casa-do-concello-de-barreiros
12 Apr 2025

O goberno municipal de Barreiros informou no último pleno da aprobación da liquidación do orzamento de 2024, cun balance económico que marca un antes e un despois nas contas municipais.

A alcaldesa, Ana Ermida, expresou a súa satisfacción polos resultados acadados e destacou o traballo rigoroso desenvolvido durante os últimos anos para reverter unha situación económica crítica.

Segundo explicou a rexedora, cando o actual goberno asumiu as súas funcións atopouse cunha economía local afundida: en 2018 e 2019 todos os indicadores orzamentarios eran negativos, o remanente de tesourería superaba os -575.000 euros e en 2017 a débeda municipal representaba máis do 45% do orzamento anual.

“Hoxe Barreiros comeza a ver luz”, afirmou Ermida. “Estamos orgullosas do traballo feito. Non só melloramos os números, senón que ademais puxéronse en marcha servizos, actividades e espazos que nunca existiran no noso concello. Temos un Barreiros dinámico, cheo de vida e pensado para a veciñanza”.

A alcaldesa atribuíu esta recuperación á “xestión responsable dos cartos públicos, actuando con criterio e prioridades claras, sempre co obxectivo de facer de Barreiros un lugar mellor para vivir e co que sentirse orgulloso”.

Ermida reivindicou o modelo de goberno do seu equipo, asegurando que non só demostraron capacidade de xestión, senón tamén a existencia dun proxecto sólido para construír un “Barreiros do futuro no que todas as persoas gañen, e non só unhas poucas”.

Neste novo escenario, o Concello traballa xa en proxectos e investimentos que antes eran inasumibles polas limitacións económicas. A alcaldesa sinalou que, se as normas estatais o permiten, o remanente positivo poderá destinarse a investimentos reais no municipio.

“Agora toca aproveitar todo o esforzo feito para que florezan eses proxectos que hai uns anos eran impensables”, asegurou.

Pola súa parte, o concelleiro de Facenda, Antonio Veiga, presentou os datos da liquidación de 2024: un resultado orzamentario positivo de máis de 56.000 euros, un resultado económico que supera os 264.000 euros e un remanente de tesourería de máis de 280.000 euros. Ademais, a débeda municipal reduciuse ao 10,58% do orzamento, unha cifra que contrasta coas taxas superiores ao 45% rexistradas anos atrás.

“Estes datos poñen fin a décadas de contas en negativo e abren unha nova etapa para o desenvolvemento de Barreiros”, concluíu Veiga.

⚙ Configurar cookies
0.1722240447998