Barreiros: Os nosos antergos

AMariñaXa
Barreiros: Os nosos antergos. Desvélase o vínculo entre o patrimonio etnográfico e o posterior legado dos que fixeron as américas
Barreiros Vilaide, aldea labrega horreos
3 Apr 2022

Neste roteiro desvélase o vínculo entre o patrimonio etnográfico e o posterior legado dos que fixeron as américas.

Este percorrido turístico-cultural está deseñado para facer a pé, en bicicleta ou en vehículo a motor, aínda que esta última é a opción menos recomendada, pola contorna da parroquia de San Cosme.

E compleméntase con descricións audioguiadas do patrimonio e relatos sobre a historia da zona.

Durante este roteiro desvelarase o vínculo entre o patrimonio etnográfico máis propio de Galicia e o posterior legado daqueles que emprenderon a aventura de facer as américas.

Como puntos de interese inclúense casas indianas, patrimonio etnográfico, capelas e casas labregas. Sae da Oficina de Turismo e percorre os núcleos de San Cosme, Vilar, Áspera, Viladaíde, San Bartolo e Remior; retornando de novo a San Cosme e percorrendo uns dez quilómetros.

A primeira casa indiana que se atopará é a de Pepe do Siñeiro, construída en 1932 por Jesús Otero Rega, emigrado a Cuba, e trátase dunha casa de estilo autóctono con toques indianos. A seguinte será a de Carballo, na que quizáis o elemento que lle outorga un maior aspecto nobre é a galería acristalada a modo de torre, sobresaíndo por enriba do tellado. Máis adiante atópase a de Arturo, construída en 1910, aínda que o seu nome vén dado polo propietario actual que a comprou nos anos 70, e xusto ao lado está a de Camarnachón. Seguindo o camiño chegarase á antiga igrexa parroquial de San Cosme, en Vilar; á Casa Grande na Áspera, a cal semella un pazo urbano; e na mesma parroquia atoparase un pombal no lugar chamado A Cascabeira.

Chégase tamén á localidade de Viladaíde, que conta cunha aldea labrega cun interesante patrimonio etnográfico, como un cruceiro de pedra, diferentes tipos de hórreos como o tipo Mondoñedo e Ribadeo, a Casa de Rocha, un pozo de auga, etc. De seguido, continuarase o percorrido cara á Capela de San Bartolo, e ás casas indianas de Barreira e a de Neira.

0.15397596359253