Barreiros ofrece talleres para aprender a elaborar xabóns e velas artesanais

AMariñaXa
A actividade forma parte do programa “Máis Emprego” e desenvolverase en San Cosme e San Miguel os días 26 e 27 de xuño
xabon
23 Jun 2025

O Concello de Barreiros impulsa unha nova iniciativa formativa dentro do seu programa “Máis Emprego”, en marcha actualmente no municipio. Trátase de dous obradoiros prácticos centrados na elaboración artesanal de xabóns e velas aromáticas naturais, dirixidos a persoas interesadas en iniciarse nestas técnicas tradicionais.

Os talleres desenvolveranse en dúas localizacións diferentes. A primeira cita será o mércores 26 de xuño, ás 10:30 horas, nas Escolas de San Cosme. A segunda sesión terá lugar o xoves 27 de xuño, ás 11:30 horas, nos Colexios Vellos de San Miguel. En ambos casos, a actividade estará dividida en dúas sesións de aproximadamente unha hora de duración cada unha.

Desde o Concello explican que esta proposta “busca fomentar habilidades prácticas, a creatividade e a formación en oficios manuais, ao tempo que se dinamiza a vida social nas parroquias”. Trátase dunha oportunidade para aprender, experimentar e gozar dun espazo de aprendizaxe compartida.

As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse directamente no Concello ou chamar ao número de teléfono 982 124 002.

⚙ Configurar cookies
0.16520094871521