Barreiros obtén fondos para a mellora na ETAP da Barranca
O Concello de Barreiros vén de recibir a notificación de Augas de Galicia na que se resolve a concesión da subvención, por un importe de 10.871,18 euros, solicitada polo goberno municipal para a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración ao abeiro dos fondos REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2024.
O orzamento presentado desde o consistorio ascende a 13.588,98 euros que inclúen as obras a executar e a redacción do proxecto para as mesmas, do que o 80% será finanzado e o 20% a cargo de fondos propios municipais.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “o proxecto porase en marcha dentro das actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sostible das enerxías en relación co medio natural e a protección do medio ambiente relacionado co abastecemento de augas que vén desenvolvendo o goberno municipal, mellorando os servizos e avanzando no cumprimento das normativas e obxectivos de desenvolvemento sustentables europeos.”
Os traballos a realizar consistirán na instalación dun sistema de dosificación e control en continuo coa instalación dun panel de cloración completo, un sistema de precloración mediante a instalación dun contador de impulsos e un sistema de telemetría.
A concelleira de saúde pública, Montse Porteiro, explica que as actuacións que se levarán a cabo “permitirán ao persoal do servizo de augas controlar en tempo real o estado de todos os depósitos. Isto, ademais da anticipación ás avarías, permitirá un enorme aforro de combustible e beneficio ambiental, a xeración dunha gran cantidade de datos para estudos de consumos e grazas a iso poder realizar predicións.”
Con este investimentos renovaranse os equipos actuais, permitindo a adecuación destes depósitos para poder ver en tempo real o estado de diferentes parámetros mediante a implementación de telemetría e monitoraxe asociada.
O goberno municipal valora positivamente a posibilidade de acceder a este tipo de fondos que contribúen a acadar os obxectivos sinalados no Plan de acción para o clima e a enerxía sostible elaborado no 2020.