Barreiros non izará as bandeiras azuis ante a escaseza de socorristas

AMariñaXa
O Concello de Barreiros vén de trasladarlle a Adeac, o organismo que outorga as Bandeiras Azuis, a decisión de non proceder ao izado de ningunha das tres bandeiras azuis outorgadas ás praias de Acantilado-Remior, Coto e A Pasada; ante a imposibilidade de contar con persoal de socorrismo suficiente para garantir os mínimos considerados para o mantemento do emblema.
bandeira azul sen data
14 Xul 2021

O Concello de Barreiros vén de trasladarlle a Adeac, o organismo que outorga as Bandeiras Azuis, a decisión de non proceder ao izado de ningunha das tres bandeiras azuis outorgadas ás praias de Acantilado-Remior, Coto e A Pasada; ante a imposibilidade de contar con persoal de socorrismo suficiente para garantir os mínimos considerados para o mantemento do emblema. 

Na súa comunicación a Adeac, a rexedora manifesta que “consideramos que o emblema outorgado recoñece a calidade das praias e dos servizos existentes nas mesmas durante a tempada estival e pese a ter tratado de cumprir con todas as esixencias e realizar un importante esforzo para poder manter os servizos que deron lugar ao seu outorgamento, entendemos que a opción máis responsable de cara a non perxudicar o recoñecemento presente e futuro do noso municipio a nivel medioambiental e turístico é renunciar ao izado das mesmas nesta tempada, sen impedimento e coa esperanza de poder izalas en vindeiras tempadas.

En todo caso, trasladámoslles a nosa intención de manter todos os servizos posibles dando cumprimento aos criterios Bandeira Azul, xa que consideramos que repercuten na boa imaxe dos areais e no benestar das persoas usuarias dos mesmos.”

A alcaldesa explicou que “pese a abrir unha bolsa de socorrismo na primavera e mantela aberta aínda neste momento, só contamos con cinco persoas coa titulación suficiente para traballar no servizo nas praias de Galicia, o que imposibilita cumprir os criterios marcados en todo momento, xa que hai que ter en conta as libranzas do persoal ou posibles imprevistos.”

No que respecta ao persoal de prevención, o Concello apostou pola contratación doutro tipo de persoal, como vixiantes, técnicas sanitarias ou patróns de embarcacións para tentar garantir a seguridade, “pero esas persoas non poden considerarse socorristas e polo tanto, resúltanos imposible garantir en todo momento a cantidade necesaria de socorristas pedido por Bandeira Azul.”

Ana Ermida insiste na necesidade de afrontar esta problemática dun xeito global e na que a Xunta debe poñer os medios para solucionar unha situación que “cada ano é maior e que só se dá en Galicia, por unha serie de decisións en canto a titulación e ás condicións de temporalidade que impiden a profesionalización do socorrismo, condenado a unha tempada de verán cada vez máis curta.” 

0.20999479293823