Barreiros logra financiamento para modernizar o seu parque empresarial tras dúas décadas sen investimentos

AMariñaXa
A alcaldesa destaca a colaboración co tecido empresarial e anuncia melloras en iluminación, sinalización e accesos cun investimento total de 129.000 euros
Barreiros-reunion-poligono-2
4 Jun 2025

O Concello de Barreiros acaba de obter luz verde para executar dous proxectos de renovación no seu parque empresarial, logo de recibir a aprobación das axudas solicitadas ao abeiro da orde de subvencións destinada á mellora de infraestruturas en polígonos industriais.

A alcaldesa, Ana Ermida, cualificou esta noticia como “un paso moi importante” e salientou que se trata de “actuacións moi necesarias e amplamente demandadas polo conxunto do tecido empresarial local”. Segundo lembrou, o goberno municipal mantivo encontros a comezos de ano con representantes das empresas instaladas no parque para coñecer de primeira man as súas necesidades, sendo estas actuacións “un dos puntos comúns que se puxeron sobre a mesa”.

“Trátase dunha intervención que chega tras máis de vinte anos sen investimentos nun espazo que concentra unha parte fundamental da actividade económica do municipio”, explicou a rexedora, quen tamén expresou a súa satisfacción por poder acometer unhas melloras que “actualizarán e modernizarán a imaxe e funcionalidade do parque”.

As actuacións previstas repártense en dous ámbitos principais: por unha banda, levarase a cabo a substitución das actuais luminarias de vapor de sodio por outras máis eficientes, así como a revisión e adaptación do cadro eléctrico do alumeado público. Por outra, acometeranse obras para mellorar os accesos e a sinalización do recinto: modificarase a rotonda de entrada co obxectivo de facilitar as manobras dos vehículos de grande tamaño, renovarase a sinalización horizontal e vertical, colocaranse novos letreiros identificativos nas entradas, limparanse as beirarrúas e actuarase nas zonas de colectores de lixo.

Ermida quixo destacar tamén “o grao de implicación do empresariado”, ao que agradeceu “a súa colaboración á hora de definir prioridades e necesidades reais, traballando da man do Concello para acadar avances que benefician tanto ao sector como ao conxunto da veciñanza”.

O orzamento total dos dous proxectos ascende a 129.381,50 euros. Deles, un total de 91.064,09 euros serán cubertos con fondos autonómicos, mentres que a cantidade restante será asumida polo propio Concello con recursos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.16436886787415