Barreiros lanza campaña para cumprir a lei de incendios e a ordenanza forestal

O Concello de Barreiros vén de lanzar unha campaña de comunicacións para lembrar a obriga de cumprimento da lei de incendios e da nova ordenanza para solo urbano e núcleo no relativo á prohibición da existencia de plantacións forestais.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explicou que se trata de “facer cumprir unha normativa tanto da Xunta como do Concello que ten como obxectivo protexer as persoas e os bens.” “Hai ben pouco que tivemos incendios ben próximos que nos amosaron a toda a sociedade a importancia de manter as vivendas e bens protexidos contra os posibles lumes e, nese sentido, é fundamental comezar a apartar a materia inflamable da beira de onde viven e traballan as persoas.”
Ao abeiro do convenio subscrito coa Xunta de Galicia para dar cumprimento á Lei de Incendios, o Concello de Barreiros puxo en marcha un sistema de notificacións personalizado a aquelas persoas titulares de plantacións forestais que incumpran a distancia a vivendas ou núcleos de poboación. Segundo a normativa autonómica, estes traballos deben realizarse antes do 31 de maio.
Ao mesmo tempo, o municipio barreirense lembra a entrada en vigor da nova ordenanza municipal na que tamén se prohiben plantacións forestais en solos urbanos ou de núcleo rural. Neste caso, o prazo para a retirada das especies forestais será ata o 30 de xuño.
A alcaldesa aclarou que se trata de “notificacións oficiais personalizadas nas que se lembra a obriga de cumprimento das normativas, os prazos e as consecuencias en caso de incumprimento.” Ana Ermida explicou tamén o procedemento que se seguiu no municipio barreirense, que se diferencia do seguido noutros concellos próximos: “nós optamos por notificacións escalonadas, continuadas no tempo, pero agrupadas por parroquias, de xeito que se facilita o acceso á información e a propia resolución de dúbidas que poidan existir. Deste xeito, nas vindeiras semanas irán chegando esas notificacións ás distintas parroquias, polo que quen coñeza xa esa obriga de retirada de plantacións forestais, pode ir xestionando os traballos.”
A rexedora di ser consciente de que “moitas veces as notificacións xeralizadas cun prazo moi escaso de execución non son realmente aplicables, por iso neste caso damos un prazo suficiente para poder cumprirse e mesmo organizar os traballos colectivamente o que facilita o cumprimento e garante que, de non cumprirse, será imputable unicamente á propiedade e, polo tanto, sancionable.”