Barreiros: Lagoa de Pallares

AMariñaXa
Barreiros: Lagoa de Pallares. Natureza e patrimonio arquitectónica ao carón do mar son os ingredientes desta ruta pola Mariña
ruta lagoa pallares costa barreiros
10 Xul 2023

Natureza e patrimonio arquitectónica ao carón do mar son os ingredientes desta ruta pola Mariña.

O percorrido desta ruta desenvólvese entre o paraíso formado pola ría de Foz-Masma, lugar chave de biodiversidade a nivel europeo (Rede Natura 2000), e a paisaxe rural propia deste recuncho de Galicia, case sempre salpicada de pequenas construcións con identidade propia froito da herdanza colectiva dos nosos antepasados.

Na súa confluencia co mar Cantábrico, a ría conforma un fértil espazo natural cun potente atractivo para numerosas especies de aves que a utilizan como área de descanso durante as súas migracións ou como refuxio en época invernal, o que a converte nun dos mellores lugares da Mariña Lucense para a práctica do birdwatching.

Ao longo do percorrido poderase chegar en varias ocasións á beira deste esteiro e apreciar, ademais, a existencia de numerosas especies de flora e fauna.

O patrimonio cultural, encadrado maioritariamente na segunda metade do trazado, reflicte a interacción dos seus habitantes co medio, os seus costumes, valores e, mesmo, a súa creatividade. Entre este importante legado atópanse casas, hórreos, lavadoiros, igrexas, pombais ou cruceiros, entre outros.

A ruta comeza no aparcadoiro do campo de fútbol do Cascabeiro e dende este punto tomarase dirección norte para, a uns poucos metros, atopar un cruceiro de pedra, onde nos desviaremos á esquerda, tomando unha estrada local. A partir de aí comeza un descenso suave cara a contorna da ría de Foz-Masma que conta con diversos puntos desde onde se obterán unhas fermosas vistas á mesma podendo prestar atención á flora e fauna propia desta contorna natural.

Este esteiro é un dos puntos estratéxicos de Galicia para a observación de aves (recomendase levar prismáticos) e ademais, considérase unha xoia natural cuxo valor ambiental está avalado por diferentes figuras de protección tales como Zona de Especial Conservación (ZEC), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Está incluída no inventario de humidais de Galicia e no catálogo de IBAs (Important Bird Areas).

Así mesmo, na contorna deste esteiro, poderase descubrir a pequena Lagoa de Pallares, que lle dá nome á ruta. E bordeando o lugar de Pallares, volverase a pasar por xunto á lagoa nun tramo asfaltado para, desta vez, desviarse cara os lugares de Vilar e A Áspera e adentrarse así na parte da ruta máis vinculada ao patrimonio cultural de carácter etnográfico, relixioso e civil.

cruceiro viladaide barreiros
horreo barreiros
0.17641091346741