Barreiros instala tres mini puntos limpos para reforzar a reciclaxe nos núcleos de San Cosme e San Miguel

AMariñaXa
As novas instalacións, situadas preto das vivendas sociais, o Teleclub e o aparcadoiro do Souto, permiten depositar pequenos residuos electrónicos, pilas e cápsulas de café
Minpunto-limpo-Barreiros-2025
3 Nov 2025

O Concello de Barreiros vén de instalar tres mini puntos limpos de proximidade nos núcleos de San Cosme e San Miguel, co obxectivo de fomentar a reciclaxe de pequenos residuos domésticos e facilitar que a veciñanza poida desprenderse deles dun modo máis sinxelo e responsable.

As novas instalacións foron colocadas nas inmediacións das vivendas sociais e do Teleclub, en San Cosme, e no aparcadoiro do Souto, en San Miguel, para garantir que estean accesibles aos principais puntos de concentración de veciños. Estes mini puntos limpos súmanse así aos servizos xa existentes do punto limpo móbil, que percorre as distintas parroquias, e ao punto limpo municipal, que ofrece tamén recollida a domicilio.

Segundo explican desde o Concello, con estes contedores fixos “preténdese facilitar a reciclaxe de pequenos elementos de uso diario que, polo seu tamaño, moitas veces acaban nos colectores equivocados”. O obxectivo é, polo tanto, complementar os servizos xa en marcha e reducir a presenza de impropios nas bolsas do lixo.

Nos novos mini puntos limpos poderán depositarse cápsulas de café, cartuchos de impresora, pequenos aparellos eléctricos como mandos ou cámaras, teléfonos móbiles, lámpadas e lámpadas de baixo consumo, así como pilas e baterías de pequeno formato.

Desde o goberno local destacan que “a razón última é favorecer un correcto depósito dos residuos, promovendo a reutilización e a reciclaxe daqueles elementos que o permitan”. Ademais, esta iniciativa complementa a campaña xa en marcha sobre a separación dos residuos orgánicos, consolidando o compromiso municipal coa sostibilidade e a protección ambiental.

O investimento total ascendeu a 17.605,50 euros, unha contía que foi posible grazas a unha subvención do 90 % concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, tramitada polo propio Concello de Barreiros.

Deste modo, a localidade dá un paso máis na súa estratexia ambiental, apostando por achegar a reciclaxe ao día a día da veciñanza e por crear conciencia sobre a importancia dun tratamento adecuado dos residuos domésticos.

⚙ Configurar cookies
0.083611011505127