Barreiros inicia a tempada de salvamento e socorrismo nas súas praias
O Concello de Barreiros iniciou a contratación do persoal de salvamento e socorrismo, incorporando 6 socorristas e unha técnica sanitaria. A este persoal sumaranse o día 17 dous socorristas máis, un patrón de embarcación e, a partir do 1 de xullo, outros tres socorristas, o persoal de vixilancia que permita a normativa en función do número de socorristas e persoal auxiliar para o posto de primeiros auxilios.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que inician o servizo para traballar na organización do mesmo e realizar as primeiras inspeccións e traballos preparatorios nas praias. “Ao igual que o ano pasado, adiantáronse todas as contratacións posibles ao 15 de xuño, ampliándose a medida que haxa dispoñibilidade de persoal, coa finalidade de ter o máximo servizo operativo a día 1 de xullo”, sinalou.
O concelleiro de dinamización, Dani Garcia, que visitou ao persoal xunto coa alcaldesa, cuantificou o custe do mesmo en máis de 100.000 euros en persoal, máis os investimentos para mellorar o servizo; entre os que destacou “un equipo de osixenoterapia e varios elementos de inmobilización e rescate en auga que se adquiren para esta temporada”. García puxo tamén en valor o feito de contar cunha embarcación de apoio en mar e vehículo de emerxencias en terra, que “aportan maior seguridade aos operativos que poidan ter que levarse a cabo.”
A rexedora sinala que, tendo en conta os datos, “a previsión é ter a inicios de xullo un mínimo de 19 persoas no servizo; entre socorristas, persoal técnico de primeiros auxilios, vixiantes e patrón de embarcación, que entrará no operativo nos vindeiros días”. Ermida pon en valor ademais, o esforzo económico para o Concello que, a priori asume todos os medios con fondos propios, ao non coñecer aínda como se van resolver unhas novas axudas da Xunta que se sacaron o 31 de maio e que están en prazo de solicitude ata o 1 de xullo, polo que a resolución será xa avanzado o verán.”
👏🏻 A alcaldesa trasladou ao persoal o seu agradecemento por escoller Barreiros para desenvolver o seu traballo e todo o ánimo para esta tempada. Ao mesmo tempo, amosou a “satisfacción por ir -nun momento no que existe unha grande dificultade para atopar profesionais- recuperando o servizo, o que atribuíu ao traballo realizado en tempadas anteriores polos profesionais que apostaron por Barreiros, en momentos de moitas dificultades, e que están logrando posicionarnos de novo cun servizo que aporta excelencia aos nosos areais, o que debe ser recoñecido”, concluíu.