Barreiros inaugura o seu Campamento dixital

AMariñaXa
Este programa, que ten como obxectivo impulsar a inclusión e a transformación dixital, contará coa participación de 15 mozas e mozos
barreiros-campamento-dixital
30 Xul 2024

Comeza o Campamento dixital organizado polo Concello de Barreiros en colaboración coa Fundación CiberVoluntarios dirixido a rapazas e rapaces de 13 a 17 anos. Este programa, que ten como obxectivo impulsar a inclusión e a transformación dixital, contará coa participación de 15 mozas e mozos.

Os concelleiros Montse Porteiro e Antonio Veiga déronlle a benvida ao alumnado, destacando a importancia desta formación para o desenvolvemento de competencias dixitais e para promover un uso responsable e consciente de Internet e das redes sociais. Durante 30 horas de formación, que se impartirán de luns a venres  na aula CeMIT de Barreiros, a rapazada embarcarase nunha aventura interactiva na que deberán completar etapas e cumprir misións para acadar logros.

A formación, que rematará o 16 de agosto, permitiralles aprender a protexer a súa identidade dixital e adquirir novas competencias recollidas no Marco europeo de competencias dixitais DIGCOMP. O Concello de Barreiros reafirma así o seu compromiso coa educación e a inclusión dixital, proporcionando ás mozas e mozos as ferramentas necesarias para navegar con seguridade aproveitando o mundo dixital actual.

0.15105700492859