Barreiros inaugura a exposición 'Mulleres por Mulleres' para visibilizar historias de vida locais

Este venres 14 de marzo ás 11:30 horas, a Praza do Concello de San Cosme de Barreiros acollerá a inauguración da exposición "Mulleres por Mulleres", unha iniciativa que pon en valor as historias de vida de 12 mulleres barreirenses. A través desta mostra, recoñécese o seu papel na comunidade, resaltando os seus logros e achegas en diferentes ámbitos.
A exposición poderá visitarse ata o 31 de marzo na carpa instalada na praza. A partir de abril, iniciarase un percorrido polos centros escolares do municipio, permitindo que o alumnado coñeza en profundidade as experiencias e contribucións das mulleres protagonistas.
O Concello de Barreiros impulsa esta iniciativa como parte das actividades vinculadas ao 8M, Día Internacional da Muller, promovendo o recoñecemento das mulleres da localidade e fomentando a igualdade a través da memoria e a educación.