Barreiros impulsa unha programación diversa para conmemorar o 8M

O Concello de Barreiros, a través da súa área de Igualdade, porá en marcha nos vindeiros días unha programación específica con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O obxectivo é promover a sensibilización social, fomentar a participación da veciñanza e seguir avanzando nun traballo transversal en materia de igualdade de xénero.
As actividades comezarán o venres 6 de marzo coa lectura da declaración institucional, que terá lugar ás 11:30 horas na Praza do Concello. Ao remate do acto, as persoas asistentes recibirán un pequeno detalle conmemorativo como símbolo de apoio á reivindicación desta xornada.
O propio domingo 8 de marzo, data central da conmemoración, celebrarase un monólogo teatralizado baseado na obra “A Muller Soa”, de Franca Rame e Darío Fo. A representación correrá a cargo do Colectivo Cultural Ollomao e desenvolverase ás 20:00 horas nos colexios vellos de San Miguel. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.
A programación prolongarase o sábado 14 de marzo co obradoiro “Alimentación en todas as etapas das mulleres”, unha proposta formativa que abordará cuestións clave relacionadas coa nutrición e a saúde feminina ao longo das distintas fases da vida. A sesión terá lugar ás 11:30 horas nas escolas unitarias de San Cosme e será impartida por María González Cociña, matrona no Centro M Burela.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, subliña que o 8M representa “unha data primordial para reafirmar o compromiso institucional coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”. Ademais, destaca que a programación deseñada combina reivindicación, cultura e saúde, ofrecendo unha visión ampla da igualdade e poñendo o foco nas necesidades específicas das mulleres en cada etapa da súa vida.