Barreiros impulsa un curso de vendedor de estacións de servizo dirixido a persoas con discapacidade

O Concello de Barreiros continúa avanzando na súa aposta por facilitar o acceso á formación e ao emprego, especialmente entre os colectivos que atopan maiores dificultades para incorporarse ao mercado laboral. Froito do traballo desenvolvido desde a área de Servizos Sociais nos últimos anos, o convenio de colaboración coa entidade Inserta Empleo, da Fundación ONCE, comeza a materializarse con iniciativas concretas como a organización dun curso presencial de vendedor ou vendedora de estacións de servizo.
A actividade formativa desenvolverase na Aula CeMIT de San Cosme e permitirá ás persoas participantes adquirir coñecementos e habilidades orientadas a este ámbito profesional. A iniciativa está pensada especialmente para persoas con discapacidade do municipio e da súa contorna, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de inserción laboral sen que teñan que desprazarse a outras localidades.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, destacou que esta proposta responde á vontade do Concello de achegar máis oportunidades á veciñanza. Segundo explicou, “esta iniciativa nace cun obxectivo claro: que as persoas con discapacidade do noso concello e da contorna poidan ampliar o seu perfil laboral e gañar novas habilidades sen ter que facer longos desprazamentos”. A edil engadiu que “queremos que o talento se quede na casa e que a nosa veciñanza teña todas as ferramentas para atopar un emprego digno e de proximidade”.
O curso contará cun total de 90 horas lectivas e incluirá contidos orientados ao traballo en estacións de servizo, abordando cuestións relacionadas coa atención ao público, a venda de produtos e os aspectos básicos do funcionamento deste tipo de establecementos.
Desde o Concello subliñan tamén que se procurou coidar todos os detalles para facilitar a participación das persoas interesadas. Por este motivo, a formación leva asociada unha axuda de asistencia de 11 euros por cada día de asistencia ao curso. O obxectivo desta medida é evitar que a participación supoña un custo engadido para as familias e permitir que o alumnado se centre plenamente no proceso formativo.
Para poder acceder a esta formación, o único requisito imprescindible é estar inscrito na bolsa de emprego de Inserta Empleo. As persoas interesadas en obter máis información ou resolver dúbidas sobre o curso poden poñerse en contacto coa entidade a través de Lourdes Expósito, que será a encargada de orientar ás persoas solicitantes e facilitarlles toda a información necesaria sobre o proceso de inscrición.
Con esta iniciativa, o Concello de Barreiros reforza a súa aposta por un modelo de inclusión social baseado na formación e na igualdade de oportunidades, promovendo accións que contribúan a mellorar a empregabilidade e a calidade de vida da veciñanza.