Barreiros impulsa a remodelación integral da cafetería do Centro Social de San Cosme

O Concello de Barreiros ten aberta a licitación dun ambicioso proxecto para a renovación completa da cafetería do Centro Social de San Cosme. A intervención, que abrangue obras tanto no interior como no exterior do local, así como a instalación de novo equipamento de cociña, supón un investimento global de máis de 54.000 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 13 de maio ás 15:00 horas, a través da Plataforma de Contratación do Estado.
A alcaldesa, Ana Ermida, destaca que “esta actuación abrangue case a totalidade do inmoble, co obxectivo de adaptalo ás esixencias actuais en materia de seguridade, hixiene e eficiencia enerxética. Tratándose dun espazo municipal, é imprescindible que cumpra cos estándares que se lle requiren a calquera local aberto ao público”.
As obras exteriores centraranse na eliminación das humidades e a mellora do illamento do edificio, incluíndo a impermeabilización da fachada, o cambio do revestimento, a execución dunha nova cuberta con illamento térmico e a substitución das portas de entrada.
No interior acometerase a renovación completa das instalacións de fontanería e electricidade, a substitución de luminarias, a dotación de auga quente e o pintado xeral do local. Ademais, dotarase á cafetería de novo mobiliario e electrodomésticos profesionais, para garantir a súa funcionalidade e posta en marcha.
O prazo máximo de execución das obras é de catro meses. Unha vez rematadas, o Concello porá en marcha o proceso para a concesión do uso do espazo a particulares ou empresas interesadas na súa explotación.