Barreiros homenaxea a Protección Civil polo seu compromiso desinteresado durante máis de 25 anos

AMariñaXa
O Concello entregou un recoñecemento colectivo á Agrupación de Voluntarios e unha mención especial a Nita Rodríguez e Agustín Rodríguez, membros fundadores en activo desde os inicios
Barreiros-25-anos-proteccion-civil-reconocemento
31 May 2025

O salón de plenos do Concello de Barreiros acolleu este xoves un acto emotivo de recoñecemento á Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil, na que o goberno local puxo en valor o traballo constante e altruísta desenvolvido por este colectivo durante máis de dúas décadas e media. Nun xesto de agradecemento institucional, entregouse unha placa conmemorativa ao seu presidente, así como dúas distincións persoais para Nita Rodríguez Pérez e Agustín Rodríguez Pérez, que levan 25 anos ofrecendo o seu tempo ao servizo do pobo.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, foi a encargada de facer entrega das distincións, e aproveitou a ocasión para expresar “o inmenso agradecemento do pobo de Barreiros a todas as persoas que adicades o voso tempo libre a servir e axudar ás veciñas e veciños”. A rexedora subliñou que a implicación dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil resulta imprescindible para o bo desenvolvemento de moitas actividades locais, desde festas populares ata eventos deportivos, culturais ou sociais, nas que a súa presenza garante seguridade e apoio organizativo.

“Moitas veces o seu traballo pasa desapercibido, pero sen a súa colaboración sería imposible celebrar moitos dos actos que se fan no concello”, indicou Ermida, quen tamén quixo destacar o papel fundamental que xogan en situacións de emerxencia. “En moitas ocasións son os primeiros en chegar, e fano con humanidade, proximidade e profesionalidade, mesmo en momentos moi duros”, afirmou.

A alcaldesa fixo fincapé tamén na actuación exemplar da Agrupación durante a pandemia da COVID-19, cando, en palabras súas, “responderon con valentía e solidariedade nun contexto de total incerteza, demostrando o seu compromiso coa comunidade”.

No acto tamén se puxo de manifesto a capacidade de coordinación que ten demostrado este grupo de voluntarios, colaborando habitualmente con corpos como a Garda Civil e outras institucións. “Grazas a ese traballo en equipo, Barreiros converteuse nun referente na resposta rápida e eficaz ante emerxencias”, apuntou a rexedora.

Por último, Ana Ermida agradeceu en nome de toda a veciñanza o esforzo continuado destas persoas, que dedican parte do seu tempo persoal a facer do municipio un lugar máis solidario, máis seguro e mellor para vivir.

⚙ Configurar cookies
0.16426801681519