Barreiros formará apicultoras e apicultores na mellora xenética das abellas

AMariñaXa
O curso, impulsado pola área de Rural da Deputación de Lugo, ofrece formación teórica e práctica con entrega de raíñas virxes para aplicar nos colmeares
abellas-apicultura
2 Jul 2025

O Concello de Barreiros será escenario, a vindeira semana, dun curso especializado en apicultura centrado na mellora xenética das abellas, co obxectivo de impulsar prácticas máis sostibles e produtivas nos apiarios da provincia. A actividade, promovida pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, desenvolverase os días 7, 8, 9, 11, 12 e 13 de xullo e contará cun máximo de 20 prazas dispoñibles.

O curso será impartido por persoal técnico da Casa do Mel de Goente, unha das entidades de referencia neste ámbito. Incluirá sesións teóricas nas escolas de San Cosme de Barreiros (día 7) e de Celeiro de Mariñaos (os días restantes), así como prácticas que permitirán ás persoas participantes afondar nos procesos de selección de abellas e nas técnicas de reprodución.

O deputado de Rural, Daniel García, salientou a importancia desta iniciativa como ferramenta para “apostar pola diversificación produtiva no rural e favorecer o desenvolvemento sostible da apicultura como actividade económica viable”. Tamén destacou que este tipo de accións formativas “son fundamentais para mellorar a rendibilidade dos colmeares e asegurar a súa continuidade no tempo”.

Como complemento á parte práctica, cada participante recibirá unha raíña virxe coa que poderá aplicar os coñecementos adquiridos directamente no seu apiario, fomentando así a aprendizaxe activa e o fortalecemento das prácticas apícolas locais.

As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do correo electrónico casadomel@vodafone.es ou chamando ao teléfono 661 003 616.

O curso enmárcase na segunda edición do programa de formación en apicultura promovido pola Deputación de Lugo, que levará actividades similares a outras localidades da provincia ao longo do ano, en colaboración cos concellos implicados.

feira do mel o valadouro
⚙ Configurar cookies
0.17403697967529