Barreiros estuda alternativas para a contorna da praia de San Bartolo

AMariñaXa
Tivo lugar unha xuntanza da comisión creada polo Pleno, con representación dos tres grupos políticos, para recibir a información por parte do Servizo Provincial de Costas
pleno-barreiros
24 Out 2024

O Concello de Barreiros segue avanzando no estudo de alternativas para a contorna da praia de San Bartolo. Deste xeito, tivo lugar unha xuntanza da comisión creada polo Pleno, con representación dos tres grupos políticos, para recibir a información por parte do Servizo Provincial de Costas. Na sesión, que se prolongou por máis de dúas horas, o xefe provincial do servizo explicou a situación existente, fixo referencia a outras similares e abriu un abano de posibilidades de actuación en base á experiencia previa similar noutros puntos da costa.

A alcaldesa, Ana Ermida, facía un resumo das posibilidades en dúas: “Debemos avaliar se reabrir os accesos, cun mero arranxo dos mesmos, baseándonos nunha prohibición de achegarse aos cantís na ordenanza municipal ou solicitar un estudo xeotécnico completo e rigoroso da zona para ver a estabilidade do cantil e determinar as actuacións a levar a cabo que poden concluír no retranqueo do propio paseo marítimo.” A rexedora, incidiu na idea que leva trasladando desde o inicio desta situación. "O único xeito de garantir a seguridade na praia é non permitindo o acceso á mesma, especialmente, en marea alta, cando o espazo que queda é unicamente o de debaixo dos cantís.”

Na reunión tamén quedaron descartadas tecnicamente outras posibilidades trasladadas polo portavoz da oposición, como o enchido dos buratos creados polo mar con formigón ou outros materiais. Coa información trasladada, os representantes municipais dos tres partidos volverán reunirse, a efectos de deliberar por se existe unha decisión consensuada. En calquera caso, a rexedora ofreceu á oposición a posibilidade de propor o convite a persoas expertas que poidan aportar información ou coñecementos adicionais aos recibidos, co fin de “facernos unha composición da situación o máis real e obxectiva
posible de cara a fundamentar as decisións que tomemos”. A comisión está conformada pola propia alcaldesa; o concelleiro de media ambiente, Dámaso Ratoeira Basanta; a concelleira do PSOE, Carmen Veiga Rodríguez, e os concelleiros populares, José Manuel Gómez Puente e María Ramona García de Gabriel.

0.19245195388794