Barreiros estrea un ximnasio adaptado ao benestar da veciñanza

AMariñaXa
As novas instalacións deportivas presentaranse mañá sábado cun acto inaugural, visita guiada e mesa redonda con profesionais do ámbito físico e deportivo
Barreiros-apertura-ximnasio-2025
2 May 2025

O Concello de Barreiros celebrará este sábado, 3 de maio, ás 12:30 horas, a inauguración oficial do renovado ximnasio municipal, un espazo que foi sometido a unha profunda transformación para ofrecer servizos deportivos de calidade, accesibles e adaptados ás necesidades actuais da veciñanza.

“Trátase dunha instalación pensada para mellorar o benestar da poboación, con equipamentos punteiros e espazos accesibles”, asegurou Dani García, concelleiro de Dinamización. O ximnasio está agora dotado cunha moderna liña de máquinas de musculación e cardio, incluídas ebikes e materiais innovadores orientados ao adestramento funcional, nun entorno que conxuga comodidade, tecnoloxía e saúde.

O acto inaugural incluirá unha mesa redonda coa participación de profesionais do sector como Noemí Ramajo, monitora das actividades físicas para adultos nas escolas deportivas municipais, e Marco Martínez, adestrador persoal natural de Barreiros e integrante do proxecto MOW Proyect. Tras o coloquio, a técnica deportiva do Concello, Lara Martínez, guiará aos asistentes nun percorrido polas instalacións.

A renovación das infraestruturas foi posible grazas á colaboración institucional. As obras financiáronse a través dun convenio coa área de Deportes da Deputación de Lugo, dirixida polo vicepresidente Efrén Castro, e cunha achega de 40.000 euros procedente da Secretaría Xeral para o Deporte. O equipamento completouse mediante a adquisición de tres novas máquinas cunha subvención da Xunta de Galicia e un contrato de renting formalizado polo propio Concello para o resto do material.

Este venres, representantes da Deputación e da Xunta, entre eles o vicepresidente provincial Efrén Castro e o xefe de Deportes, Manuel Otero, visitaron o novo espazo acompañados pola alcaldesa Ana Ermida e o concelleiro Dani García, amosando o seu respaldo á aposta do municipio por unha vida activa e saudable.

Ao longo do mes de maio, o ximnasio permanecerá en réxime de portas abertas, con persoal técnico a disposición dos usuarios e usuarias para coñecer o funcionamento das instalacións. O Concello dará a coñecer os horarios de apertura, cunha programación que ofrecerá alternativas tanto de mañá como de tarde, co obxectivo de facilitar o acceso á maior parte da poboación.

A alcaldesa Ana Ermida expresou a súa satisfacción pola posta en marcha deste novo recurso: “É un orgullo contar cunhas instalacións modernas, adaptadas e pensadas para Barreiros. Supoñen un salto cualitativo na oferta deportiva, cunha clara mellora na atención e no asesoramento técnico que prestamos á cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.16165900230408