Barreiros, Ermida para catro anos máis?
En Barreiros, as votacións quedaron igual que nos anteriores comicios, 5 concelleiros para o BNG e o Partido Popular e 1 para o PSOE.
A veciñanza de Barreiros votou practicamente igual que nos comicios anteriores, aínda que houbo unha pequena baixada na participación. Así, os nacionalistas volveron conquerir 5 concelleiros empatando cos populares.
Por iso, vai ser decisiva outra vez máis a candidata do PSOE, Carmen Veiga, xa que os socialistas manteñen a súa concelleira. Pactando con ela ou facéndoa socia de goberno, o partido nacionalista en Barreiros poderíase desenvolver o seu proxecto sen problemas.
A actual alcaldesa Ana Ermida di que “os resultados non eran os esperados quizais porque non fumos quen de transmitir o traballo e o esforzo que fixemos durante estes 4 anos”.
“Son resultados que nos permiten ou nos dan a posibilidade de reeditar o Goberno actual, pero aínda temos que avaliar e analizar a situación”, engadiu, “polo momento seguiremos co noso proxecto de traballar polos veciños e sempre poñendo por diante os seus intereses”, rematou.
“Temos que sentarnos e facer un acordo para os próximos catro anos e o Goberno de Coalición volverá cun pacto renovado. Agora toca facer análise dende o noso partido e expoñer o que queremos levar ao novo pacto”, dixo Veiga.
A actual alcaldesa Ana Ermida chegou ao Concello de Barreiros no 2019, un cargo que parecía difícil de arrebatarlle ao PP, pois gobernou dende o comezo da democracia.
O PP foi o partido máis votado en Barreiros ao obter 906 votos de entre os emitidos polos 1.979 votantes. Mentres que nas eleccións de 2019 acadara 877 votos.
Pola contra, o BNG conqueriu nesta ocasión un total de 879 votos, fronte aos 941 da convocatoria anterior. O PSOE, que en 2019 conseguiu con Carmen Veiga obter 178 votos, este ano baixou a 160.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Ana Ermida Igrexas BNG
- Antonio Veiga Outeiro BNG
- Montserrat Porteiro Sánchez BNG
- Dámaso Ratoeira Basanta BNG
- Daniel García Fernández BNG
- José Manuel Gómez Puente PP
- María Ramona García de Gabriel PP
- Pablo Posada Rocha PP
- María Mar Sante García PP
- Manuel Alonso Díaz PP
- Carmen Veiga Rodríguez PSOE