Barreiros enche de maxia o Nadal cunha nova edición das conexións con Papá Noel desde Laponia

AMariñaXa
As crianzas dos colexios de San Cosme e San Miguel de Reinante participarán nestas videoconferencias que combinan ilusión, aprendizaxe e tecnoloxía
CEIP-San-Cosme---CeMIT-Papá-Noel
13 Dec 2025

A aula CeMIT de Barreiros volve ser, un ano máis, o escenario onde a maxia do Nadal cobra vida grazas ás conexións en directo con Laponia, unha iniciativa que permite que os máis pequenos do municipio falen cara a cara con Papá Noel e lle trasladen os seus desexos para estas datas tan especiais.

A primeira das sesións celebrouse onte coa visita do alumnado do CEIP de San Cosme, que tivo a oportunidade de compartir preguntas, ilusións e confidencias co mítico personaxe. A actividade continuará o mércores 17, cando será a quenda dos nenos e nenas do CEIP de San Miguel de Reinante, que tamén poderán vivir esta experiencia única que combina tradición e tecnoloxía.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou o valor desta proposta, asegurando que “ofrecer unha experiencia así permite unir maxia e aprendizaxe, demostrando que a tecnoloxía tamén é unha ferramenta para fomentar ilusión, creatividade e momentos que as crianzas lembrarán para sempre”. A rexedora subliñou ademais que iniciativas deste tipo contribúen a dinamizar o Nadal local e a crear espazos educativos diferentes, nos que os nenos e nenas son protagonistas.

O Concello agradeceu expresamente a colaboración e implicación dos centros educativos, que fan posible que o alumnado participe nesta actividade que utiliza as TIC como ponte entre Barreiros e a ilusión do Nadal. A proposta consolídase así como un dos encontros máis agardados destas datas, convertendo a aula CeMIT nun pequeno recuncho de Laponia.

⚙ Configurar cookies
0.077730178833008