Barreiros elaborará un plan de seca para garantir o abastecemento de auga potable
O Concello de Barreiros vén de adxudicar a redacción do plan de seca municipal por un importe de 11.797,50 euros. Este plan preséntase como un instrumento municipal para anticiparse a posibles episodios de seca e permitirá a identificación, avaliación, seguimento, toma de decisións e posterior adopción das medidas precisas de cara a minimizar os efectos adversos dunha situación de seca.
O goberno local explica que a lei de garantía de abastecemento de auga aprobada polo goberno galego no 2019, impón ás administracións locais a obrigatoriedade de contar con un plan para afrontar estas situacións. Por esta razón, a efectos de cumprir co marcado normativamente e de fornecerse dun instrumento que permita mellorar o abastecemento de auga de consumo, concorreron á convocatoria de axudas publicada por Augas de Galicia; obtendo 9.438 euros para a elaboración do mesmo. Os restantes 2.359,50 euros serán asumidos polo Concello de Barreiros con cargo a fondos municipais.
A alcaldesa explicou que se trata dun instrumento importante “non só porque deste xeito cumprimos cunha obriga legal, senón porque por primeira vez o concello de Barreiros contará cun estudo e análise da situación previa e unha serie de actuacións valoradas coas que poder responder ante un episodio de seca, minimizando os efectos adversos da mesma.”
Esta medida súmase a diversas medidas e investimentos que se están a realizar na rede de abastecemento de auga potable co fin de mellorar o servizo e poder dar unha resposta estudada e áxil a posibles problemas, ademais de reducir as perdas derivadas de fugas ou avarías na rede.