Barreiros e Ribadeo únense para pedir un novo obradoiro de emprego

AMariñaXa
O Concello de Barreiros vén de aprobar un obradoiro de emprego centrado na dixitalización de arquivos e a formación medioambiental.
obradoiro conxunto barreiros ribadeo
25 Feb 2021

O Concello de Barreiros vén de aprobar en pleno a proposta do goberno municipal de realizar un obradoiro de emprego destinado a menores de trinta anos centrado na dixitalización de arquivos e a formación medioambiental. “Trátase, en parte, de revalidar a colaboración que iniciamos xa neste ano co obradoiro Vencellos de Memoria, no que rapazas e rapaces de ambos concellos traballan na dixitalización e organización de arquivos e material municipal”, explica a alcaldesa de Barreiros.

O proxecto Territorio Vivo está centrado na recuperación de arquivos e a formación medioambiental e aspira a obter financiamento da Xunta para levarse a cabo.

Nesta ocasión, a proposta diversifícase para incluír un módulo de formación no ámbito do patrimonio natural, de xeito que se complementa o coñecemento do municipio non só desde o punto de vista cultural e histórico que aportan os arquivos, senón tamén desde o punto de vista do territorio e a diversidade natural.

Ana Ermida explica que esta aposta pola formación no patrimonio natural se encadra “dentro dunha estratexia de traballo en diversos eidos, como pode ser o turístico ou o deportivo, para a posta en valor e o aproveitamento da gran riqueza natural que existe en Barreiros, algo que para este goberno municipal é prioritario.”

O obradoiro, que contará con formación e práctica profesional, vai dirixido a menores de 30 anos de ambos municipios que figuren como demandantes de emprego e cumpran coas características para acceder ao programa de emprego xuvenil. Entre os dous módulos que se impartan formarase a un total de 16 persoas que se repartirán entre os concellos de Barreiros e Ribadeo.

A alcaldesa agradeceu a disposición de colaboración do Concello de Ribadeo na xestión dos obradoiros que permiten que a mocidade barreirense poida acceder a formación específica e diversa e coñecer o seu propio concello. E reitera a aposta do goberno municipal de Barreiros pola permanente colaboración entre administracións para poder ofrecer servizos e oportunidades á veciñanza que un Concello coma Barreiros, en solitario non podería ofertar.

0.16902709007263