Barreiros dota de equipamento as pistas exteriores en todas as parroquias

AMariñaXa
O Concello de Barreiros está a mellorar o equipamento existente en pistas deportivas exteriores e dotar do mesmo aos espazos nos que non existía.
30 Dec 2022

O Concello de Barreiros está a mellorar o equipamento existente en pistas deportivas exteriores e dotar do mesmo aos espazos nos que non existía. O goberno barreirense, no afán de mellorar a calidade de vida da veciñanza con independencia de onde resida, puxo en marcha actuacións de reparación e reposición de elementos como canastras ou porterías en espazos exteriores en todas as parroquias.

Ademais dos traballos xa realizados por persoal municipal en pistas como as de San Miguel, Benquerencia, San Bartolo, Celeiro ou A Rilleira; vén de asinar un convenio coa área de Mocidade da Deputación, dirixida por Mónica Freire, cun importe de 13.000 euros para dotar de mobiliario novo aquel que non pode repararse ou en lugares onde se carece do mesmo.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que” o actual goberno municipal considera que dotar de servizos ás persoas con independencia de onde residan é fundamental se queremos lograr un rural vivo e un futuro dos nosos concellos nos que as familias con crianzas aposten por quedar no territorio. Esta é a razón, a de contribuír humildemente ao asentamento da poboación no noso concello e achegar servizos a todos os sectores da poboación, pola que se ten elaborado un proxecto de dotación das diferentes pistas ao aire libre que existen en parroquias e lugares de equipamento destinado ao ocio da infancia e mocidade; que en moitos casos levaban anos de desatención.”

Os investimentos novos consistirán na adquisición de tres xogos de canastras que se instalarán nas pistas de Reinante, San Bartolo e San Xusto; e catro porterías para colocar en Cabarcos, Vilamartín Grande, San Xusto e Gondán. Deste xeito, explicou Dani García, concelleiro de dinamización “en todos os lugares e parroquias hai algún tipo de equipamento para que as nenas e menos poidan entreterse e realizar actividade deportiva ao aire libre que, despois dos anos de pandemia, demostrou ser una actividade saudable e para a que existían deficiencias, especialmente nos núcleos máis pequenos.”

Mónica Freire sinalou a  “importancia de compartir obxectivos común entre as administracións para poder colaborar nos investimentos que se decidan, coma neste caso, para vertebrar territorialmente os nosos concellos; dando a oportunidade á súa poboación -e neste caso á infancia e mocidade, que serán o motor futuro do País-  de desfrutar de servizos de proximidade con independencia de onde naceran ou escolleran residir; contribuíndo humildemente deste xeito a paliar o despoboamento dos nosos municipios e creando un sentimento de pertenza orgullosa ao territorio.”

Estes traballos de reposición do novo equipamento realizaranse nas vindeiras semanas, para completar os de reparación daquel material que foi posible que xa se viñeron realizando nos últimos meses e continuar noutros espazos que están pendentes de arranxar.

0.24265599250793