Barreiros dinamiza a súa biblioteca municipal coas primeiras actividades lectoras

O Concello de Barreiros iniciará o próximo sábado 22 de febreiro un programa de dinamización cultural na súa biblioteca municipal. A través de encontros mensuais, a actividade buscará fomentar a lectura e a interacción social entre crianzas e persoas adultas. As actividades serán coordinadas por Antía Yáñez, escritora de referencia da Mariña Lucense.
O primeiro dos encontros será un biblioencontro destinado ás crianzas de educación primaria, no que se celebrará o Día de Rosalía de Castro. Ao longo do ano, tamén se realizarán outras actividades de dinamización lectora para distintos colectivos. O club de lectura, que se lanzará tamén este mes, estará dirixido a persoas maiores de 16 anos, contará con 20 prazas e terá preferencia para as persoas empadroadas no municipio. A inscrición poderá realizarse na biblioteca municipal, de luns a venres, entre as 9:30h e as 14:30h.
Daniel García, concelleiro de dinamización cultural, explicou que con estas novas iniciativas continúan apostando polo impulso da lectura na comunidade. “Despois do éxito da biblioteca rural de San Xusto e a caseta de libros da praza do Souto, seguimos apoiando actividades que fomenten a participación social a través da lectura e da interacción”, comentou.