Barreiros demandará accesos directos ao polígono empresarial no trazado da A-74

AMariñaXa
O Concello e o empresariado presentarán alegacións para garantir a competitividade do parque industrial
reunion-polígono-barreiros
20 Feb 2025

A alcaldesa de Barreiros convocou unha reunión co sector empresarial do polígono barreirense para analizar diversas cuestións de interese para o tecido empresarial e o Concello. Durante o encontro, ao que asistiu a totalidade do goberno municipal, abordouse o novo trazado proposto para a autovía A-74 e acordouse presentar alegacións para demandar un acceso directo ao parque empresarial.

Ana Ermida subliñou que esta solicitude é unha cuestión “de imperiosa necesidade e de sentido común para darlle ao polígono de Barreiros os accesos que merece”. A alcaldesa lembrou que esta demanda xa foi presentada desde o ano 2019, mesmo antes de estar no goberno municipal.

Na xuntanza tamén se ratificou o papel do polígono de Barreiros como un dos máis puxantes da comarca, polo que se insistiu na necesidade de garantir accesos que melloren a competitividade das empresas xa establecidas e favorezan futuras ampliacións.

Melloras en iluminación, sinalización e seguridade

Durante a reunión, a alcaldesa anunciou que o Concello está traballando nun proxecto de mellora do parque empresarial. Entre as actuacións previstas inclúense a renovación do alumeado, a mellora da sinalización viaria tanto horizontal como vertical, así como pequenas obras de adecuación en beirarrúas e espazos comúns.

Estas intervencións atenderán as necesidades trasladadas polo empresariado e buscarán financiamento a través de distintas liñas de axuda. O sector empresarial valorou positivamente a planificación e resposta a estas demandas que levaban anos sen atenderse.

Unha nova depuradora para o polígono

Outro dos temas tratados foi a necesidade de dotar ao polígono dunha nova depuradora. A actual, construída pola Xunta e recibida polo Concello, foi unha solución provisional tras a paralización do proxecto inicial que debería dar servizo á capacidade total do parque. Segundo explicou Ana Ermida, “non se volveu traballar nunha solución axeitada”.

Concello e empresariado coincidiron en esixir á Xunta, como administración promotora do polígono e titular das parcelas, unha implicación activa para dotar ao parque dunha depuradora adecuada que atenda as necesidades actuais e futuras.

Cumprimento da lei contra incendios

As persoas asistentes á reunión tamén valoraron moi positivamente o proceso de notificación ás persoas propietarias de plantacións forestais que incumpren a lei de incendios. Expresaron a súa preocupación pola proximidade de plantacións que poden supoñer un perigo para as naves situadas no polígono.

Desde o Concello recordaron que o prazo para o cumprimento desta obriga finaliza o 31 de maio.

0.20998883247375