Barreiros crea a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero
O Concello de Barreiros vén de constituír a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, na que participan administracións e organismos implicados na loita contra a mesma.
Na sesión constitutiva fixáronse os obxectivos e funcións da mesa, entre as que destaca a coordinacións dos distintos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero para mellorar as actuacións que se leven a cabo.
A alcaldesa, Ana Ermida, agradeceu a disposición e a participación de todas as institucións e organismos convidados; xa que se formou unha mesa multidisciplinar na que participan Concello, Xunta de Galicia, Subdelegación do Goberno do Estado, os dous centros educativos do municipio, persoal sanitario, do Centro de Información á Muller e Garda Civil; cunha composición técnica e política que “avanzará na loita contra a violencia de xénero.”
A concelleira de igualdade, Montse Porteiro, explicou que a mesa terá dous obxectivos principais: a formación, tanto profesional como dirixido á poboación en xeral, como medio de prevención e a actuación naqueles casos en que sexa preciso; función na que só participará o persoal técnico que corresponda en función da situación.
“A constitución da mesa resposta ao convencemento do goberno municipal de traballar na erradicación da violencia machista de xeito constante e coordinado para detectar situacións e resolvelas do xeito máis óptimo posible”, manifestou Porteiro; quen tamén explicou que “os concellos pequenos non temos obriga legal de constituír mesas deste tipo, pero considerámolo necesario para implicar a todos os axentes e que o funcionamento mellore en beneficio da sociedade”.
O funcionamento da mesa será de carácter semestral con carácter ordinario, aínda que poderá convocarse sempre que sexa preciso a instancia de calquera das persoas que forman parte da mesma.