Barreiros convida a descubrir o seu territorio con rutas que van máis alá do sol e da praia

AMariñaXa
O Concello organiza un programa de andainas en xullo e agosto para amosar a riqueza paisaxística, cultural e produtiva do municipio
concello-barreiros
4 Jul 2025

O Concello de Barreiros aposta un verán máis por ofrecer unha forma alternativa de coñecer o seu territorio a través dun programa de roteiros guiados que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo e agosto. Con estas actividades, o goberno local busca amosar ás persoas visitantes unha visión máis ampla e realista do municipio, lonxe dos estereotipos asociados ao turismo de praia.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que o obxectivo destas rutas é “dar a coñecer as zonas menos transitadas de Barreiros, valorizando tanto as paisaxes como as actividades que forman parte da identidade local e que foron clave no seu desenvolvemento”. A intención, sinala, é que “quen nos visita coñeza realmente onde está, entendendo a riqueza ambiental, social e económica que aquí existe”.

As andainas abarcan diferentes espazos do municipio. Algunhas delas percorren a costa, centrando a atención non só nas praias senón no seu alto valor ecolóxico. Outras internan ao público no interior, onde se pon en valor o traballo das persoas gandeiras e a importancia da actividade agrogandeira. Tamén se visitan lugares de interese turístico dende unha óptica diferente, poñendo o foco nos aspectos culturais, históricos e naturais das parroquias.

O programa arrinca o 12 de xullo cunha ruta xeolóxica pola costa, guiada por Fran Canosa, que tamén se realizará os días 28 de xullo, 12 de agosto e 27 de agosto.

A ruta titulada “Unha granxa de premio”, que inclúe unha visita á explotación gandeira Mantoño Holstein, terá lugar os días 17 e 30 de xullo, así como o 14 e 28 de agosto.

Tamén haberá dúas saídas ao Espazo Natural de Santo Estevo do Ermo, programadas para os días 19 de xullo e 23 de agosto.

A parroquia de San Miguel será protagonista noutras dúas rutas centradas no seu patrimonio histórico e cultural, que se desenvolverán os días 26 de xullo e 9 de agosto.

Para participar, é preciso realizar inscrición previa a través da páxina web de turismo municipal, www.barreirosturismo.gal, na sección “Actualidade e Axenda”. Sen inscrición non se poderá asistir ás actividades. Para máis información ou dúbidas, o Concello pon a disposición da cidadanía a Oficina de Turismo e o teléfono 982 134 400.

⚙ Configurar cookies
0.16934013366699