Barreiros convértese nun foro internacional sobre alimentación, identidade e sustentabilidade

AMariñaXa
Antropólogos de España, Portugal, Brasil e México analizan durante dous días os retos alimentarios que impoñen a globalización e a crise climática
Barreiros-Catedra-Unesco-sobre-Alimentacion-Cultura-e-Desenvolvemento
8 Jun 2025

Barreiros acollerá os vindeiros días 9 e 10 de xuño unha destacada cita científica internacional centrada na alimentación, a cultura e o desenvolvemento sostible. Máis dunha trintena de antropólogos e especialistas en ciencias sociais participarán na oitava reunión da Cátedra Unesco de Alimentación, Cultura e Desenvolvemento da Universitat Oberta de Catalunya e na 49ª edición do encontro anual da International Commission on the Anthropology of Food and Nutrition (ICAF).

A Casa do Concello de Barreiros será o epicentro dun encontro que abordará, baixo o lema “Paisaxes alimentarias: territorios e identidades sustentables”, as transformacións e tensións que afectan ao xeito de producir, consumir e compartir os alimentos nun contexto marcado pola emerxencia climática e a globalización.

A iniciativa conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do propio Concello de Barreiros, e reunirá expertos procedentes de diferentes puntos do Estado español, Portugal, Brasil e México. Entre eles estarán o presidente de ICAF Internacional, F. Xavier Medina, e o presidente de ICAF España-Portugal, David Conde Caballero, quen inaugurarán a xornada o luns ás 9:00 horas, xunto coa profesora Elena Freire Paz, da área de Antropoloxía Social do Campus de Lugo da USC, que forma parte do comité organizador.

A apertura oficial contará tamén coa presenza do deputado provincial de Medio Rural, Mar e Mocidade, Daniel Castro, e da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida Igrexas.

Durante as dúas xornadas abordaranse cuestións tan diversas como as prácticas alimentarias no Camiño de Santiago, os efectos da crise climática nos montes comunais de Galicia, as dinámicas do reparto a domicilio en contextos urbanos, ou os valores emocionais e culturais vinculados á produción e consumo de alimentos.

Tamén se tratarán temas como o pastoreo tradicional, as relacións entre gastronomía e identidade nacional, ou as desigualdades centro-periferia no acceso á alimentación. Non faltará a perspectiva de xénero nin a reflexión sobre os efectos da fame e da desnutrición cultural derivada de situacións de desastre natural.

A Mariña Lucense tamén terá un lugar destacado no programa. Lucas Requejo, do colectivo PRATO_DO, presentará unha intervención sobre A Mariña Lab, un laboratorio social que propón repensar o territorio a través da alimentación como eixo vertebrador.

A programación completarase o martes cun percorrido pola praia de Augas Santas, máis coñecida como As Catedrais, unha visita ao conxunto industrial de Sargadelos en Cervo e un paseo polo centro histórico de Mondoñedo. Os participantes achegaranse tamén á comarca da Faba de Lourenzá, onde coñecerán os procesos produtivos asociados á súa denominación de orixe e participarán nunha cata de mel e nun encontro co Colectivo Gastronómico da Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.16636419296265