Barreiros contará cunha reportaxe sobre as súas rutas na revista Grandes Espacios

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A revista Grandes Espacios, editada polo grupo Desnivel, adicará no vindeiro exemplar do mes de abril unha reportaxe ao concello de Barreiros, en concreto ás rutas que discorren polo seu territorio.
23 Mar 2020

A revista Grandes Espacios, editada polo grupo Desnivel, adicará no vindeiro exemplar do mes de abril unha reportaxe ao concello de Barreiros, en concreto ás rutas que discorren polo seu territorio.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que este feito "é o resultado dos contactos que mantivemos a delegación de Barreiros en Fitur o pasado mes de xaneiro, composta por representantes municipais e da asociación de hostelería, nunha das xuntanzas de traballo que mantivemos en Madrid."

Desde o Concello de Barreiros dirixíronse naquel entón á editorial Desnivel, que contaba con stand na Feira Internacional de Turismo para presentarlles o municipio barreirense e darlles a coñecer o potencial relacionado con actividades de natureza que posúe. "Xa naquel momento valoramos moi positivamente a receptividade da editorial e das persoas que nos atenderon e, tras manter o contacto nestes meses, o número do mes de abril albergará unha reportaxe centrada nas rutas que se poden disfrutar no noso Concello", informan.

Ana Ermida amósase satisfeita con esta nova "xa que é a mostra de que a asistencia a Fitur, se se realiza de xeito programado e con obxectivos e traballo organizado pode dar froitos" e agradece "a boa disposición da editorial", manifestando ademais que "a data da publicación é óptima, fóra da situación sobrevida que temos neste momento,  por tratarse do número en papel que sae no mes das vacacións de Semana Santa e que despois se publicará online no mes de maio, unha vez retirada a revista dos quioscos."

Ademais deste contacto, o municipio barreirense mantivera en Fitur outros contactos con diversos axentes turísticos para dar a coñecer a potencialidade e os servizos existentes en Barreiros, proporcionando material editado ao efecto para a cita internacional que será tamén distribuído no territorio.

Tal e como informaran desde o municipio naquel momento, as xuntanzas de traballo centráranse en potenciar os recursos existentes, como o turismo de escapada, natureza e relaxación, o Camiño de Santiago e o Camiño do Mar, turismo activo, etc.; ao tempo que se intercambiaron experiencias con territorios similares nas características e potencialidades con Barreiros.

0.19038200378418