Barreiros chama a mobilizarse pola sanidade pública ante a falta de persoal médico no centro de saúde

AMariñaXa
O Concello convoca unha concentración o luns 13 de outubro para reclamar a cobertura urxente das prazas vacantes e denunciar o deterioro da atención sanitaria
barreiros-centro-de-saude
9 Oct 2025

O Concello de Barreiros vén de convocar unha concentración diante do Centro de Saúde para o luns 13 de outubro ás 12:00 horas, co obxectivo de reclamar a cobertura inmediata das ausencias do persoal médico e de denunciar a situación crítica que atravesa o servizo sanitario no municipio.

Segundo explica o goberno local, o centro leva unha semana sen dispoñer de ningún dos tres profesionais médicos que lle corresponden, o que deixa á veciñanza sen acceso á atención básica e provoca esperas de ata tres semanas para unha cita. “Trátase dunha situación insostible e inxustificable que pon en risco a saúde das persoas e que require unha resposta inmediata por parte do Sergas e da Consellería de Sanidade”, apuntan.

A alcaldesa, Ana Ermida, subliña que esta crise chega despois dun verán “de saturación evidente” nos servizos sanitarios, nos que o persoal tivo que multiplicarse para atender a demanda derivada do aumento da poboación estival. “O esforzo e compromiso dos profesionais foi admirable, pero agora están a sufrir as consecuencias dun sistema esgotado e mal planificado”, engadiu.

O Centro de Saúde de Barreiros leva anos sufrindo os efectos dos recortes e da falta de planificación, coa redución de servizos como pediatría, matrona ou atención a persoas desprazadas durante o verán. Desde o Concello lembran que a sanidade primaria “é a porta de entrada ao sistema sanitario público” e que a súa precarización “supón un ataque directo ao dereito á saúde da cidadanía”.

Ermida advertiu que “a falta de resposta do Sergas e da Consellería só pode interpretarse como pasividade ante o deterioro dun servizo público esencial”. Por iso, o Concello fai un chamamento á veciñanza a participar activamente na concentración convocada para o luns, co fin de visibilizar o malestar social e esixir solucións inmediatas.

“É imprescindible que se cubran de forma urxente as prazas vacantes e se garanta unha atención sanitaria digna e continua. Non se pode xogar coa saúde da xente”, conclúe a alcaldesa.

O acto terá lugar diante do Centro de Saúde de Barreiros ás 12:00 horas e pretende ser, segundo o goberno local, “unha mostra de unión veciñal na defensa dun dereito básico: o acceso á sanidade pública de calidade”.

⚙ Configurar cookies
0.074237823486328