Barreiros celebra unha nova edición do Mercadiño no Outono o domingo 12 de outubro

O Concello de Barreiros prepara xa unha das súas citas máis tradicionais: o Mercadiño no Outono, que se celebrará o vindeiro domingo 12 de outubro na Praza do Concello. A xornada, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, encherá o centro da vila de cor, música e actividade dende as 11:00 ata as 20:00 horas.
Máis de trinta postos de alimentación e artesanía ofrecerán produtos variados, acompañados dun amplo programa de actividades para todos os públicos. Haberá degustacións, música en directo, obradoiros e propostas específicas para as crianzas.
Entre as novidades desta edición destaca un obradoiro de cestería organizado en colaboración co Centro de Artesanía da Deputación. As prazas son limitadas e as inscricións deberán formalizarse previamente no Rexistro do Concello, tendo prioridade as persoas empadroadas en Barreiros.
A música marcará o inicio do mercadiño: ás 11:00 horas abrirá a cita o grupo de Gaitas da A.F. O Arco da Vella, seguido da actuación de Deux a la Creme. A mediodía, ás 12:30, terá lugar a tradicional degustación gastronómica elaborada con produtos de razas autóctonas, un dos momentos máis agardados polo público.
Xa pola tarde, ofrecerase un posto de castañas asadas de balde para todos os asistentes e organizaranse diferentes actividades infantís. O broche final poñerao o sorteo de varias cestas entre as persoas participantes.
Deste xeito, Barreiros consolida o Mercadiño no Outono como unha cita pensada para dinamizar a vida social e económica da vila, poñendo en valor os produtos locais e creando un espazo de encontro e convivencia.