Barreiros celebra o Mercado na Primavera cun día cheo de actividades para toda a familia

Este domingo, 18 de maio, a Praza do Concello de Barreiros converterase nun animado espazo de encontro coa celebración dunha nova edición do Mercadiño na Primavera. O evento, impulsado polo Concello, desenvolverase entre as 11:00 e as 20:00 horas, e ofrecerá unha completa xornada de actividades pensadas para todos os públicos: música en directo, obradoiros creativos, xogos infantís, degustacións gastronómicas e sorteos.
A apertura do mercado estará amenizada polo grupo de gaitas da Asociación Folclórica O Arco da Vella, que dará paso ás 12:00 á actuación musical do dúo Dous en Punto, formado por Carlos Bau e Hugo Torreiro, que interpretarán versións en directo. A continuación, entre as 12:30 e as 14:30, o público poderá gozar dunha degustación de produtos procedentes de razas autóctonas galegas, enmarcada no programa Un gusto de rural, un rural degusto, promovido pola área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Para participar, será preciso recoller vales nos distintos postos coa realización de compras.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, chegará a quenda do obradoiro de arte floral impartido por Musgo&Nordés. A actividade permitirá deseñar centros personalizados e require inscrición previa no teléfono 982 124 002, escollendo no momento a letra decorativa de cada creación. Para as crianzas, ás 17:00 horas arrancarán os obradoiros infantís con manualidades de primavera, seguidos dunha merenda elaborada pola Pastelería Obradoiro con produtos de porco celta e, ás 18:30, xogos e dinamización musical para pechar a festa.
Como colofón da xornada, ás 20:00 horas sortearanse dúas cestas con produtos do mercadiño entre todas as persoas que fixeran compras ao longo do día. Ademais, durante todo o evento estará operativo un posto solidario de libros a 2 euros, co recadado destinado integramente á asociación Asociación Guillem Veiga Iglesias.
Desde o Concello de Barreiros destacan a colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, cuxa implicación permite desenvolver iniciativas que apostan polo consumo responsable, impulsan os produtos locais e dinamizan a vida social e económica do municipio.