Barreiros celebra o Día das Bibliotecas cun escape room para a rapazada

O Concello de Barreiros conmemora o Día das Bibliotecas cunha proposta orixinal e divertida dirixida á mocidade: un escape room que se desenvolverá o mércores 23 de outubro, a partir das 16:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal. A actividade está pensada para que os participantes desfruten dunha experiencia chea de intriga e aprendizaxe, mentres descobren a biblioteca como espazo de encontro, curiosidade e cooperación.
Durante a sesión, os grupos participantes deberán resolver diferentes misterios e superar probas de enxeño empregando o traballo en equipo, a comunicación activa e a creatividade. O obxectivo é descifrar os enigmas agochados entre os libros e acadar a solución final antes de que o tempo se esgote.
Desde o Concello destacan que “é unha actividade moi divertida, pensada para fomentar o espírito colaborativo e poñer en valor a lectura e o papel das bibliotecas como espazos dinámicos e abertos”. Ademais, lembran que as prazas son limitadas e se asignarán por rigorosa orde de inscrición, que pode realizarse na propia Biblioteca Municipal ata o 17 de outubro.
Esta proposta forma parte do programa “Ler conta moito”, unha iniciativa de dinamización lectora impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais, coa finalidade de achegar a lectura ao público máis novo dun modo lúdico e participativo.