Barreiros celebra dúas actividades especiais con motivo do Día das Bibliotecas

O Concello de Barreiros celebrará o Día Internacional das Bibliotecas con dúas actividades moi especiais que terán lugar os días 24 e 28 de outubro. O obxectivo é poñer en valor estes espazos públicos como lugares cheos de vida, historias e igualdade.
O venres 24 de outubro ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Barreiros, terá lugar a inauguración do Punto Lila, unha iniciativa promovida pola área de Igualdade do Concello que inclúe a doazón dun conxunto de libros relacionados coa loita contra a violencia de xénero e coa promoción da igualdade. Este novo espazo busca fomentar a reflexión e o coñecemento a través da lectura.
A celebración continuará o martes 28 de outubro ás 18:00 horas na Biblioteca Rural de San Xusto, onde tamén se realizará unha doazón de libros con perspectiva igualitaria e se inaugurará a exposición Mulleres por mulleres, que permanecerá aberta ao público ata o 6 de novembro.
Durante estes días, tanto na biblioteca municipal como na rural, todas as persoas que se acheguen recibirán un pequeno agasallo como agradecemento pola súa participación e apoio a esta conmemoración cultural e social.