Barreiros celebra a cuarta edición do recital poético-musical Versos na baixamar
Este domingo 26 de maio, ás 12.00 horas, celebrarase en Barreiros a cuarta edición do recital poético-musical Versos na baixamar. Terá lugar no exterior das escolas de Reinante e, en caso de mal tempo, trasladarase aos colexios vellos de San Miguel. Contará coa participación de recoñecidas figuras do panorama literario e musical galego como son a poeta e xornalista Eva Veiga, a cantante Uxía, a escritora Beatriz Dourado e a escritora local Lucía Ferro.
O acto será conducido polo polifacético escritor, poeta e narrador Lois Pérez. Durante o evento farase entrega dos premios do certame de narración e debuxo Letras galegas 2024 convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Barreiros. Ademais, a orquestra infantil de Sinfónico no Rural na que participan nenas e nenos de Barreiros, ofrecerá unha actuación especial, engadindo un toque musical.
Trátase dun encontro que mesturará poesía e música rendendo tributo este ano a Luisa Villalta, música e poeta homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. O evento celebra a riqueza cultural e lingüística de Galicia e fomenta a expresión artística xunto coa promoción do talento local. É un evento organizado polo Concello de Barreiros e coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Deputación de Lugo e da Fundación Xesús Bal y Gay.