Barreiros avanza na nova depuradora de San Miguel co impulso do Goberno central

AMariñaXa
A entidade estatal Acuaes comprométese coa redacción dun novo proxecto e estuda unha proposta de financiamento a 30 anos que permitirá aliviar a carga económica do Concello
concello-barreiros
7 Jun 2025

A construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Miguel en Barreiros comeza a coller forma coa implicación directa da sociedade pública estatal Acuaes, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. A alcaldesa, Ana Ermida, acompañada por membros do seu equipo de goberno, recibiu esta semana ao subdirector técnico da entidade, que se desprazou ao municipio para coñecer de preto os terreos previstos e analizar o estado actual das infraestruturas.

Durante a visita, abordouse a necesidade de redactar un novo proxecto técnico que substitúa o documento elaborado no seu día por Augas de Galicia. O tempo transcorrido desde aquela redacción, así como a evolución das normativas técnicas, obriga a reformular o proxecto para adaptalo ás esixencias actuais. “A nova proposta permitirá avanzar por fin nunha infraestrutura prioritaria para o noso concello, tras moitos anos de paralización”, destacou Ermida.

Neste contexto, a alcaldesa prevé manter nas vindeiras semanas unha reunión con representantes de Augas de Galicia para concretar a participación da Xunta, que en proxectos anteriores comprometera polo menos o 33% do investimento. Mentres tanto, Acuaes traballa xa na elaboración de borradores de convenios e outra documentación técnica que permitirán iniciar os trámites oficiais unha vez as partes confirmen os seus compromisos.

O responsable técnico de Acuaes tamén visitou as actuais instalacións de saneamento de San Miguel, Reinante e Sarxendez, estudando a posibilidade de reconverter estas dúas últimas en simples estacións de bombeo. Esta medida, explicaron desde o goberno local, permitiría mellorar o rendemento xeral do sistema e reducir custos operativos.

En canto aos terreos nos que se prevé a construción da nova EDAR, o Concello xa dispón dunha partida orzamentaria específica para a súa adquisición, o que facilita os prazos e evita novos atrancos administrativos.

Ademais, Acuaes avanzou que proporá ao Concello unha fórmula de financiamento a 30 anos, aberta á colaboración doutras administracións. Esta solución permitiría aliviar a carga económica para as arcas municipais e garantir a viabilidade dunha infraestrutura que o municipio leva demandando durante décadas.

Para Ana Ermida, “Barreiros está ante unha oportunidade histórica para solucionar un dos grandes déficits que arrastra desde hai anos”. A alcaldesa incidiu en que “desde o goberno local fixemos un esforzo enorme para atopar unha solución viable, que desbloquea a situación e ofrece garantías reais de execución”. Tamén subliñou que espera un compromiso claro por parte da Xunta: “Presentaremos esta proposta como unha oportunidade real e pediremos a súa implicación, porque o proxecto inicial que propoñían era inasumible para o Concello, e agora hai unha alternativa seria enriba da mesa”.

⚙ Configurar cookies
0.60063600540161