Barreiros aquire unha moto de auga para o servizo de socorrismo

AMariñaXa
Concello de Barreiros recibirá 20.000 euros para afrontar a compra dun material que fora solicitado por escrito pola propia alcaldesa en decembro de 2023
casa-do-concello-de-barreiros
18 Xuño 2024

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de acadar a sinatura dun convenio coa Dirección Xeral de Emerxencias para adquirir unha moto de auga para o servizo de socorrismo. O Concello de Barreiros recibirá 20.000 euros para afrontar a compra dun material que fora solicitado por escrito pola propia alcaldesa en decembro de 2023.

Ana Ermida sinala que o municipio “contará así cun equipamento profesional moi demandado polos servizos de emerxencias, co que se dotará ao servizo de socorrismo e á propia agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil; tomando a iniciativa de propoñer melloras que contribuirán a unha mellor seguridade nas nosas costas, e que permitirán mellorar moito os tempos de resposta e a chegada a lugares de difícil acceso para as zodiacs.”

Ermida manifestou a súa “satisfacción por acadar esta colaboración para un servizo no que levamos anos traballando en melloralo e lograr a maior eficacia do mesmo, nunha situación xeral complexa pola escaseza de persoal.” Igualmente agradeceu á Dirección Xeral de Emerxencias que “amosara a receptividade á demanda do Goberno barreirense que supón, en definitiva, unha mellora da seguridade en Barreiros e na comarca.”

A rexedora explicou que en decembro de 2023 enviou un escrito á Dirección Xeral de Emerxencias no que solicitaba a colaboración para contar cunha moto de auga para un servizo cada vez máis mermado e con máis dificultades para lograr a cobertura de toda a costa. Ermida trasladaba as dificultades de prestar servizo nunha costa como a barreirense, en mar aberto e con máis de oito quilómetros de litoral; atendendo así ás aportacións do propio persoal, que sempre sinalou a mellora substancial en rapidez e eficacia que suporía contar cunha moto de auga nos rescates.

Esta solicitude foi atendida pola Dirección Xeral de Emerxencias, que nestes días trasladou á alcaldesa a posibilidade de asinar un convenio por importe de 20.000 euros para afrontar dita compra, coa que Barreiros situará o seu equipo de rescate coma un dos máis eficientes e con mellores dotacións do País; xa que a moto vén a sumarse á dúas zodiacs que estarán en funcionamento nas vindeiras semanas e o vehículo de apoio en terra, a cargo do coordinador de socorrismo e da técnica de primeiros auxilios.

0.1551411151886