Barreiros aproba unha declaración de apoio ao sector lácteo

AMariñaXa
Barreiros aproba unha declaración de apoio ao sector lácteo ante a situación que se está a vivir, e a que se prevé nos próximos meses
granxa vaca leite
30 Nov 2021

O Concello de Barreiros vén de aprobar unha declaración institucional asinada por todas as forzas políticas de apoio ao sector leiteiro ante a situación que se está a vivir, e a que se prevé nos próximos meses, relativa ao prezo do leite.

No pleno celebrado na tarde de onte, a alcaldesa, Ana Ermida, deu lectura a unha declaración consensuada previamente con todos os grupos da corporación na que o Concello de Barreiros “traslada a súa solidariedade ás gandeiras e gandeiros do noso Concello que están atravesando unha situación complicada nas súas explotacións.

En dita declaración fan “un chamamento a todas as administracións a traballar dun xeito serio e responsable na busca de solucións e instrumentos para afrontar a situación: como a promoción por parte da Xunta de Galicia  dun Foro de encontro, debate e negociación, arbitrado e moderado pola Consellaría do Medio Rural, onde estean representados todos os actores da cadea de produción e obtención do leite e derivados: produtores/as, cooperativas, industria e especialmente a distribución e o desenvolvemento por parte do Goberno do Estado da Lei da Cadea Alimentaria, dotando aos sectores produtivos dunha ferramenta obxectiva que fixe uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios.” 

A alcaldesa explicou que “boa parte deste sector amosa unha dependencia perigosa dos insumos esóxenos que na volatilidade dos seus prezos, periodicamente, someten a duras probas a viabilidade destas explotacións. A esta volatilidade hai que sumar que, nestes tempos, a suba e abuso dos oligopolios das eléctricas e dos combustíbeis fan insostíbel a situación.”

Na propia declaración recóllese a importancia do sector como “estratéxico para o conxunto de Galicia e tamén no concello de Barreiros, onde as explotacións gandeiras veñen resistindo todas as dificultades que atravesan cun importante esforzo das mesmas e xerando un valor engadido innegable ao municipio, e que nestes momentos están vendo ameazada a súa viabilidade.”

Ana Ermida trasladou a disposición do Concello de Barreiros para acompañar ao sector nas súas demandas e manifestou que darán traslado do acordo á Xunta e Goberno central para a súa implicación na adopción de medidas que solucionen dun xeito decidido a situación que atravesa o sector lácteo.

0.15682792663574