Barreiros aposta pola creatividade tecnolóxica da mocidade co programa “Tech Kids”

O Concello de Barreiros, a través da súa aula CeMIT e coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, vén de anunciar a posta en marcha do obradoiro “Tech Kids: Argallando entre xeracións”, unha proposta educativa que mestura tecnoloxía, creatividade e aprendizaxe colaborativa. A actividade, de carácter práctico e participativo, desenvolverase os días 11, 12 e 13 de agosto, en horario de mañá, entre as 9:30 e as 12:00 horas, nas instalacións da aula CeMIT do municipio.
Dirixido preferentemente a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, o obradoiro persegue dous grandes obxectivos: achegar á mocidade ás tecnoloxías emerxentes que están a marcar o rumbo do mundo actual e, ao mesmo tempo, fomentar habilidades clave como o pensamento analítico, a capacidade de resolución de problemas ou a colaboración en equipo.
Ao longo dos tres días que dura a actividade, os participantes poderán experimentar con ferramentas que espertan o interese polo mundo dixital e a innovación: desde a fabricación de pezas con impresoras 3D ata a robótica educativa, pasando pola iniciación á programación e á creación de videoxogos, así como o manexo de compoñentes electrónicos básicos.
O carácter demostrativo e experimental deste taller permite que a rapazada aprenda a través da práctica e da curiosidade, sen presións académicas, pero con resultados motivadores. A iniciativa enmárcase tamén na vontade do Concello de Barreiros de ofrecer alternativas de lecer formativo para a mocidade durante o verán, combinando diversión e aprendizaxe.
As persoas interesadas poden ampliar información dirixíndose directamente á aula CeMIT ou chamando ao número de teléfono 666 87 59 46. A inscrición é obrigatoria e as prazas son limitadas. Terán prioridade na asignación os nenos e nenas que participan no programa +Mocidade do Concello.
Dende a organización animan ás familias a aproveitar esta oportunidade de achegar aos máis novos ao mundo tecnolóxico, nun ambiente lúdico, enriquecedor e interxeracional, onde tamén se pon en valor o traballo colectivo como ferramenta de aprendizaxe.