Barreiros anuncia o seu Mercado de Nadal para o 7 de decembro

O Concello de Barreiros avanza os preparativos do seu Mercado de Nadal, unha cita que terá lugar o domingo 7 de decembro na Praza do Concello e que se presenta como un dos encontros máis agardados destas datas. A organización explica que o obxectivo é celebrar “un Nadal moi noso”, recuperando o ambiente próximo e festivo que caracteriza os mercados locais.
Segundo o Concello, o Mercado manterá o espírito que define as feiras que se celebran ao longo do ano no municipio: espazos de convivencia nos que a música, a artesanía e os produtos gastronómicos comparten protagonismo. A cita converterase tamén nunha boa oportunidade para que a veciñanza e visitantes poidan atopar os primeiros detalles de Nadal, eses agasallos adquiridos con tempo e con especial agarimo.
Por agora, o Concello limítase a pedir que a veciñanza garde a data, á espera de que nas próximas semanas se fagan públicos tanto o programa completo como a relación de postos que participarán nesta edición.