Barreiros amplía os obradoiros de móbil para maiores con novas sesións en Celeiro e Vilamartín Grande

AMariñaXa
O Concello impulsa esta formación práctica a través do Obradoiro “Máis emprego”, combinando aprendizaxe dixital e memoria colectiva co recollido de fotos antigas por parroquias
Barreiros-Talleres-móbiles-en-Celeiro-e-Vilamartin-2025
30 Apr 2025

O Concello de Barreiros continúa a súa aposta pola inclusión dixital das persoas maiores a través dos obradoiros de uso de teléfonos móbiles. Tras a boa acollida da experiencia iniciada en Reinante a comezos de ano, a iniciativa esténdese agora ás parroquias de Celeiro e Vilamartín Grande.

As novas sesións comezarán a semana do 12 de maio e desenvolveranse os luns, de 11:00 a 12:00 horas, nas escolas de Celeiro, e os mércores no mesmo horario no Teleclub de Vilamartín Grande. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono do Concello: 982 124 002.

Estes talleres, impartidos polo módulo de dinamización do Obradoiro de Emprego “Máis emprego”, buscan achegar ás persoas maiores un manexo máis consciente e autónomo dos seus teléfonos móbiles. A través de formación práctica e adaptada, os participantes aprenden a usar aplicacións útiles, xestionar funcións básicas e, en definitiva, aproveitar mellor unha ferramenta que xa forma parte do día a día.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destaca o éxito da proposta e o compromiso do equipo coa formación inclusiva: “A resposta da veciñanza está a ser moi positiva, con moita participación e aproveitamento das clases”, afirma.

Ademais da vertente formativa, os obradoiros incorporan unha compoñente de recuperación da memoria histórica local. A través da recollida de fotografías antigas das familias e parroquias, estase a crear un fondo documental que axude a preservar o patrimonio inmaterial do municipio.

Ermida anima á cidadanía a participar, mesmo se non asisten ás sesións formativas: “Pódense achegar igualmente ás escolas ou ao Teleclub para colaborar co arquivo fotográfico”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.16216278076172