Barreiros adquirirá un tractor para desbroces

AMariñaXa
O Concello de Barreiros contará cun novo tractor para os traballos de desbroce a mantemento de pistas municipais
convenio tractor barreiros
1 sep 2021

O Concello de Barreiros contará cun novo tractor para os traballos de desbroce a mantemento de pistas municipais, grazas a un convenio de colaboración coa área de medio rural da Deputación de Lugo.

O convenio, que foi asinado na mañá de hoxe pola alcaldesa, Ana Ermida, e a delegada de medio rural, Mónica Freire; ascende a 136.000 euros, dos que 129.200 euros son aportados pola entidade provincial e 6.800 polo propio Concello. 

Ana Ermida manifestou a súa satisfacción pola disposición da área de medio rural da Deputación a atender esta demanda que a propia alcaldesa tamén trasladara ao Conselleiro de Medio Rural nunha visita a Barreiros, “á vista das necesidades detectadas nestes anos e con afán de mellorar o parque de maquinaria municipal.”

Ademais do tractor, o convenio inclúe pala dianteira para traballos en firme e un brazo desbrozador para traballos de limpeza da vexetación.

Ermida explica que “ o Concello de Barreiros dispón en propiedade dun tractor de preto de 20 anos e máis de 20.000 horas de traballos, ao que se lle intercambia unha máquina desbrozadora traseira adquirida recentemente e un brazo desbrozador necesario para muros e valados, que tamén ten unha antigüidade superior aos 12 anos.”

“Esta situación supón que os traballos leven un ritmo moi baixo xa que a maquinaria é moi sensible a avarías e as incidencias durante a época alta de traballo son moi abundantes. Isto sumado a que os traballos deben desenvolverse nun prazo temporal moi concreto, supón que o servizo prestado non sexa todo o satisfactorio que se agarda dunha institución pública que debe, ademais, ser exemplar no cumprimento das súas obrigas”, asegura a rexedora. 

Nese sentido, o goberno municipal valora moi positivamente a posibilidade de contar con maquinaria nova que se suma á existente para mellorar sensiblemente os servizos prestados e, dese xeito, poder levar a cabo directamente e dun xeito máis eficiente os traballos relacionados co mantementos dos máis de 100kms de vías municipais.

Esta adquisición de maquinaria e vehículos municipais súmase á adquirida no 2019, tamén grazas á colaboración da área de medio rural da Deputación, para desbroces de áreas públicas e á adquisición de dous vehículos para o servizo de augas no ano 2020 con cargo ao Plan Único financiado pola Deputación. 

Deste xeito, explica Ana Ermida, “estase a facer  un esforzo tamén económico para dotar ao Concello de Barreiros dun parque de maquinaria e vehículos digno para un concello das nosas características; xa que no momento en que accedemos ao goberno detectamos numerosas carencias deste tipo que estamos, pouco a pouco, tratando de solventar.”

0.13433599472046